Aféalle á conselleira de Política Social que compareza a finais de outubro polo inicio de curso en Infantil “cando debera falar do abandono das persoas maiores”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou hoxe que empregará a próximas sesión de control ao presidente da Xunta para esixirlle unha resposta do “deterioro importantísimo” dos servizos públicos que vén de sinalar o último informe da Valedora do Pobo. Álvarez compareceu hoxe logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento.
O portavoz socialista centrará a pregunta ao presidente nas previsións de mellora dos servizos públicos de cara ao próximo ano tendo en conta a situación precaria dos mesmos que os socialistas levan “varios anos” alertando e que esta mesma semana confirmou a Valedora do Pobo. Subliñou que o informe da Alta Comisionada do Parlamento “constata unha realidade que a Xunta se nega a admitir e que afecta a milleiros de galegos e de galegas tódolos días”.
Afeoulle á Xunta que escolla unha comparecencia “extemporánea” para o próximo Pleno, no que a conselleira de Política Social vai dar conta do inicio de curso en Educación Infantil, de 0 a 3 anos, a finais do mes de outubro. Criticou o tema escollido “cando debera falar da situación de abandono das persoas maiores” en Galicia, que se atopan sen persoal suficiente para valorar o grao de dependencia e carecen de prazas suficientes en residencias ou centros de día.
O portavoz socialista empregará por este motivo a sesión de control para esixirlle ao presidente da Xunta que empregue os Orzamentos para o próximo ano, que previsiblemente serán presentados esta mesma semana, para reforzar os servizos públicos de Galicia.
O Grupo Socialista incluirá no próximo Pleno do Parlamento unha interpelación para reclamarlle á Xunta que dea conta do incremento da débeda pública, que pasou de 1.752 euros por galego en 2009 a 4.565 en xuño de 2023. Álvarez subliñou que o Executivo debe explicar “en que se materializou, en que melloramos” logo de sinalar que o aumento descontrolado da débeda coincidiu co deterioro dos servizos públicos que vén de apuntar a Valedora.
Política fiscal
Os socialistas galegos presentarán ademais unha moción para reclamar a reorientación da política fiscal da Xunta, que vén e aplicar rebaixas de impostos arbitrarias aos grandes millonarios “sen que avalíen o seu alcance ou o impacto sobre a cidadanía nin sobre o territorio”. A proposta reclama que presenten esta avaliación, que supriman a bonificación do imposto de Patrimonio aos mais ricos para recuperar a Tarxeta Básica e unha nota escala do IRPF a partir dos 60.000 euros.
Álvarez anunciou unha moción para reclamarlle á Xunta que dea conta dos atrasos que está a provocar de forma deliberada ás infraestruturas de titularidade estatal na Comunidade Autónoma, logo de coñecer que paralizaron as obras da autovía Santiago – Lugo ao retrasar o permiso para desviar un regato.
Tamén incluirán unha Proposición no de Lei para esixir a mellora das condicións laborais do persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios, cun grao de eventualidade “inasumible” que afecta a dúas terceiras partes do persoal. Lembrou o traballo destes profesionais nos grandes incendios rexistrados nas últimas datas, como os que afectaron aos concellos de Trabada e Foz.
Consello Xeral do Poder Xudicial
O Grupo Socialista presentará unha proposición non de Lei para reclamarlle ao PP galego que rexeite o bloqueo da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial que están a perpetrar dende hai 5 anos incumprindo o artigo 122 da Constitución. Luis Álvarez acusou ao PP de obviar esta obriga fixada pola mesma Constitución que “enarbolan permanentemente varias veces pola mañá e varias veces pola tarde”.
Criticou que “eles mesmo sexan os defensores máximos e os incumpridores máximos dos mandatos constitucionais” cando están na oposición, repetindo o mesmo bloqueo que aplicaran antes durante 5 meses entre 1995 e 1996, e durante 2 anos entre 2006 e 2008, e que “desgrazadamente forma parte intrínseca da forma de facer política do PP.