O voceiro parlamentario do PSdeG reta ao novo presidente da Xunta a “que se desmarque da vía Feijóo” abordando o diálogo que propuxo o PSdeG sobre Atención Primaria, residencias e innovación
O dirixente socialista censura que “o único que lle interesa a Feijóo é ter un posto no Senado para tentar desgastar ao presidente Sánchez e, de paso, facerlle ás beiras á ultradereita de Vox, Abascal e Olona”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, pediu hoxe a Rueda, unha vez que foi nomeado presidente do Partido Popular de Galicia, que poña fin “á tutela de Baltar e outros baróns provinciais” e actúe con “criterio propio” en Ourense para acabar coa “vergoña” e “indecencia” do goberno de Jácome.
Neste marco, o dirixente socialista retou ao tamén novo presidente da Xunta a “que actúe sen tutelas nin tutías” e “se desmarque da vía Feijóo” abordando o diálogo que propuxo o PSdeG “hai semanas”. “Podería comezar recibindo a Valentín González Formoso”, incidiu, para afrontar tres aspectos “fundamentais prioritarios”, como a Atención Primaria, o novo modelo de residencias de maiores ou reactivar o diálogo sobre I+D+i como “elemento esencial” do novo modelo económico.
“Feijóo non tivo tempo para facelo por andar por España adiante predicando advenimento”, lembrou o socialista, quen subliñou que “é o momento de que –Rueda–, rematados os fatos, se poña a traballar por esta comunidade autónoma”. “A euforia de traballar por unha nova maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas ou de recuperar concellos e deputacións non lle vai resolver os problemas aos galegos e galegas”, destacou.
Con todo, criticou a senda “continuista” do novo presidente que incluso “di o mesmo” que o señor Feijóo con respecto ao goberno do Estado tras pedir idéntico trato que Cataluña ou Comunidade Valenciana con respecto aos fondos europeos Next Generation.
“Citar de forma expresa a Cataluña ou Comunidade Valenciana é sesgar a mensaxe e facer ver un agravio que non existe”, incidiu, xa que “esquece de forma premeditada que a comunidade autónoma que máis fondos recibe é Andalucía, gobernada polo PP” e “a sexta é Galicia”.
“A FEIJÓO NON LLE INTERESA GALICIA NIN OS INTERESES DESTA COMUNIDADE”
En canto á elección de Feijóo e Tellado como senadores por designación autonómica, Álvarez censurou a utilización partidista da Cámara Alta cando asumen o cargo para defender os intereses do Partido Popular, en vez dos intereses da comunidade autónoma, “que é para o que están designados as e os senadores por parte do Parlamento de Galicia”.
“Houbo presidentes galegos, como Fraga ou Laxe, que foron senadores por designación autonómica logo de ter sido presidentes da comunidade autónoma, pero que non adulteraron en ningún momento o seu cargo nin se desviaron da súas funcións, pero Feijóo non é coma eles: non lle interesa Galicia nin os intereses desta comunidade autónoma, o único que lle interesa é ter un posto para tentar desgastar ao presidente Sánchez e, de paso, facerlle ás beiras á ultradereita de Vox, Abascal e Olona”, sentenciou.
“Se non fose preocupante, sería divertido ver a Rueda dicindo o que fai poucas semanas dicía Feijóo e a Feijóo, como senador por Galicia, dicindo outra cousa distinta”, incidiu Álvarez, para evidenciar a incompatibilidade de defender os intereses de Galicia nesta cámara sendo presidente do PP a nivel estatal.
Por último, o dirixente socialista trasladou a súa preocupación porque “antes Feijóo, cando era presidente da Xunta, dicía que Vox non lle gustaba; pero agora nin unha mala palabra nin unha mala acción con respecto a Vox”, o que deixa patente as súas “incongruencias” e “inconsistencias”.