O voceiro parlamentario do PSdeG denuncia a “irresponsabilidade” da Xunta ao delegar a responsabilidade do uso de máscara no patio dos colexios nos centros escolares: “é o presidente do non, incluso cando o Estado dita normas acordes ao que el demanda”
O Grupo Socialista súmase á conmemoración do Día de Rosalía e chama ás galegas e galegos a agasallar nese día “cun libro en galego e unha flor”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, pediu hoxe ao presidente da Xunta que explique con “claridade” que vai facer para “reparar” o “inmenso dano” que ten causado o PP á democracia despois de que, dende o xoves, estean ofrecendo “un espectáculo difícil de cualificar”.
Esta situación, incidiu, “representa que o PP, no que se integra o PP de Galicia, aínda que pretendan ocultalo, concibe a política como un reparto de poder, e non como un servizo á cidadanía”, polo que “é a antipolítica”.
“É un Partido Popular destrutivo e, polo que se ve, autodestrutivo”, sentenciou Álvarez, tras lembrar en que o PP “sementa dúbidas sobre España no seo da Unión Europea, sen ningún tipo de rédito”. Así, lembrou a “fracasada visita” que fixeron algúns alcaldes do PP á Unión Europea para criticar o reparto de fondos europeos do Executivo central na que “non foron recibidos por ninguén relevante”.
Esta crise do PP, sinalou, “evidencia que é un partido que non está na mesma liña que os seus homólogos europeos”, xa que estes “non só non cuestionan, senón que recoñecen o traballo serio e rigoroso do goberno de España na xestión dos fondos europeos”. Pola contra, subliñou, o PP “radicaliza a linguaxe sen importar o dano que causan na credibilidade e o respecto ás institucións, algo que dana fondamente o noso sistema democrático”.
O USO DE MÁSCARAS NOS PATIOS DAS ESCOLAS
“Conectado con esa forma de facer política”, Álvarez trasladou a súa “preocupación” pola xestión do uso de máscaras nas escolas por parte do goberno galego e cualificou de “irresponsabilidade” o feito de que a Consellería de Educación delegase na dirección dos centros educativos a responsabilidade sobre o uso destas durante os recreos nos espazos exteriores, xa que isto “é unha interpretación errónea do que significa a autonomía dos centros”.
Nun contexto no que a meirande parte das comunidades autónomas —Andalucía, Aragón, Illas Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade de Madrid, Navarra, Comunidade Valenciana, Euskadi, Asturias e A Rioxa— retiraron as máscaras nas zonas exteriores das escolas, Álvarez recordou que dende o PSdeG “nunca” se cuestionaron as medidas sanitarias que adoptou o goberno galego, “pero neste momento cremos que non é admisible que presentemos esta singularidade”.
“Que é o que fai singular á comunidade autónoma de Galicia”, preguntou. “Moi sinxelo, é a forma de entender o goberno do señor Feijóo: que é o presidente do non, incluso cando o goberno do Estado dita normas que son acordes co que el mesmo demanda”, sentenciou.
Neste sentido, o socialista destacou que “Feijóo sempre está á contra”, polo que “tanto lle ten contradicirse e dicir un día unha cousa e dous días despois, a contraria”. Así, lembrou, o 2 de febreiro “defendía a retirada de máscaras en exteriores e a redución da corentena” e o día 4 de febreiro incluso “celebraba” o anuncio por parte do goberno do Estado da súa retirada en exterior, pero “poucos días despois” dende a Consellería de Educación enviaron un correo electrónico aos centros educativos “delegando” neles toda responsabilidade.
“A proba máis manifesta de que non se actúa correctamente é que o resto das comunidades autónomas si o fan”, incidiu Álvarez, tras lembrar que as medidas tomadas polo goberno central son “en base a recomendacións científicas” e “non son decisións arbitrarias”.
O DÍA DE ROSALÍA: “CUN LIBRO EN GALEGO E UNHA FLOR”
Noutro orde de cousas e coa vista posta no vindeiro mércores 23 de febreiro no que se conmemorará o Día de Rosalía, Álvarez sinalou que o Grupo Parlamentario Socialista se sumará á conmemoración para reivindicar a figura da escritora e convidou aos galegos e galegas a agasallar nese día “cun libro en galego e unha flor”.
CONDOLENCIAS AOS FAMILIARES DO VILLA DE PITANXO
Por último, no día no que España garda loito oficial polo naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova e cando chegarán a Galicia os superviventes do pesqueiro, o voceiro parlamentario do PSdeG trasladou a “solidariedade, cariño e pésame” ás familias das persoas falecidas e desaparecidas neste “desgraciado” accidente.