O voceiro parlamentario pide a Feijóo que “clarexe” que modelo de financiamento vai defender para Galicia e “se o seu criterio vai cambiar como consecuencia da crónica dunha decisión tomada”
O dirixente socialista critica a demora da Xunta á hora de poñer a disposición do goberno do Estado os recursos necesarios para colaborar na acollida das refuxiadas e refuxiados ucraínos
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, porá o foco do Pleno da vindeira semana na celebración do Día Internacional da Muller e preguntará a Feijóo polas medidas previstas pola Xunta para acadar a igualdade real entre homes e mulleres en Galicia. Díxoo, hoxe, trala Xunta de Portavoces celebrada na Cámara galega para dar conta da orde do día da vindeira sesión plenaria.
No marco da conmemoración do 8M, o Grupo Socialista abordará tamén dúas proposicións non de lei sobre esta cuestión. A primeira, sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta con respecto a medidas no ámbito laboral para acadar a igualdade de mulleres e homes, xa que en Galicia “existen dúas realidades que evidencian unha asimetría importante con respecto ao que ocorre no resto do Estado”.
Isto plásmase, exemplificou o portavoz, nunha “diferencia de case 2 puntos e medio en canto a mulleres ocupadas” e “dous puntos en canto a mulleres asalariadas” de Galicia con respecto ao resto de España, polo que “será necesario crear un observatorio de seguimento desas medidas de emprego que se deben poñer en marcha para corrixir esas diferencias”.
A segunda proposición non de lei será sobre as actuacións previstas para aumentar a presenza da muller no sector pesqueiro cando é un ámbito no que “de 63 patróns e patroas maiores que hai nos pósitos da comunidade autónoma, tan só 5 están ocupados por mulleres”, polo tanto “é inaprazable” tomar medidas que faciliten o seu acceso.
Seguindo neste mesmo eido, o voceiro socialista avanzou que o Grupo levará unha interpelación para abordar o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021, xa que, segundo o último barómetro do CIS, “o 82% das persoas que coidan a menores de 0 a 3 anos son mulleres”, o que “evidencia cal é a realidade social”, polo que “hai que adoptar políticas decididas para equilibrar a participación do home e a corresponsabilidade”.
AS VERTEDURAS DOS RÍOS E DAS RÍAS
No ámbito do medio ambiente, Álvarez avanzou que o PSdeG realizará unha interpelación sobre o aumento das verteduras ás rías e ríos galegos cando “hai indicadores que evidencian un problema que vai aumentando, en lugar de diminuír” e que pon sobre a mesa a “política fracasada” da Xunta neste sentido.
A GUERRA EN UCRAÍNA
Noutro orde de cuestións, o PSdeG trasladará á Cámara galega a súa preocupación pola guerra en Ucraína, a través dunha pregunta urxente na que criticará a “demora” do goberno galego á hora de “poñer a disposición” do goberno de España os recursos precisos para colaborar na acollida das refuxiadas e refuxiados ucraínos trala invasión rusa.
“Preguntámonos por que a semana pasada comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Estremadura, Murcia, Principado de Asturias, Castela A Mancha ou mesmo FEMP xa puxeron a disposición do goberno do Estado os recursos que puidera precisar e por que o goberno da Xunta ten que esperar a que o Grupo Socialista presente unha pregunta urxente para dicir, onte pola tarde, que pon a disposición do goberno do Estado os recursos necesarios”, censurou Álvarez.
Por último, o dirixente socialista lembrou que o PSdeG impulsou a semana pasada unha declaración institucional para “condenar sen paliativos” a invasión de Ucraína por parte de Rusia, cuestión que se está a abordar aínda entre os grupos.
COMISIÓN DE FINANCIAMENTO
Preguntado pola Comisión de Financiamento, Álvarez chamou a Feijóo a clarexar “que modelo de financiamento autonómico vai defender para Galicia e se o seu criterio vai cambiar como consecuencia da crónica dunha decisión tomada”. “Preocúpame neste momento que a situación persoal do presidente da Xunta dificulte o avance por canto, evidentemente, existen posturas manifestamente encontradas entre as comunidades autónomas”, incidiu.
Malia que augurou, “este non vai ser un tema pacífico”, incidiu, “confío e gustaríame moitísimo que sexamos quen de chegar a unha defensa da posición de Galicia porque é extraordinariamente relevante para o financiamento e o mantemento dos servizos públicos” en Galicia”.