O portavoz do Grupo Socialista advirte ao presidente da Xunta encerrado “na súa torre de marfil” á marxe dos problemas dos galegos e das galegas e preocupado de converter o debate no primeiro acto da campaña electoral
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou hoxe que a intervención do presidente da Xunta no Debate do Estado da Autonomía foi “equivocada en tódolos ámbitos, na diagnose, nas propostas, no escenario e no discurso”. O responsable socialista criticou que optara por converter o debate no primeiro acto de campaña sen baixar da súa “torre de marfil”.
Afeoulle que empregara o Debate do Estado da Autonomía para criticar ao Estado facendo “seguidismo puro e duro de Madrid e do extinto Feijóo”, esquecendo os problemas reais dos galegos e das galegas. Lamentou que para Rueda “non existen problemas na sanidade pública e o PP non ten nada que ver coa prórroga na peaxe da AP9 ata 2048”, e ofrece unha “visión sesgada” con propostas que “nada teñen que ver con resolver os problemas de Galicia”
O responsable socialista advertiu que coas “medidas meramente cosméticas” e facendo do debate un mitin político “mal nos vai ir a tódalas galegas e galegos”. Ironizou neste sentido coa “medida estrela” da creación de parques caninos en tódalas cidades galegas, unha medida que o PP criticou duramente cando foi o goberno de Vilagarcía o que abriu dous parques no Concello.
O mesmo sucede coa proposta de crear un fondo para atraer investimentos a Galicia, que foi posta en marcha en Lugo coa crítica da súa portavoz, polo que reclamou “que se aclaren, se non vale para unha cidade tampouco debera servir en Galicia”. Emprazou a “ver se o PP é un grande e libre ou 54 fragmentados e dependentes de Madrid”.