O portavoz do Grupo Socialista subliña que o Consello de Contas é quen ten certificado que a Xunta destinou a “fins descoñecidos” 4 de cada 6 euros de axudas covid en plena pandemia
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou hoxe que o presidente da Xunta “ten un papelón” para responder no próximo Pleno do Parlamento que foi dos 159 millóns de euros de fondos covid que desviaron no ano da pandemia. O propio Álvarez preguntaralle a Rueda no próximo Pleno do Parlamento polo que sinala o informe do Consello de Contas sobre a xestión destas partidas.
“Queremos coñecer a visión que ten o presidente da Xunta”, dixo, da xestión destes fondos diante das “evidencias que presentan os informes do Consello de Contas”. Subliñou que o propio ente fiscalizador ten certificado que a Xunta destinou a “fins descoñecidos” ata o 40 por cento dos 418 millóns de euros de fondos covid enviados polo Estado para reforzar a sanidade en 2020 e, dixo, “non estamos a falar de cifras que se invente este Grupo Parlamentario”.
O presidente da Xunta terá que dar conta desta situación un día despois da súa autoconvocada comparecencia para dar conta das liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para o próximo ano, da que, dixo Álvarez, “non agardamos gran cousa máis alá de 2 ou 3 anuncios máis efectivos que eficaces”. Aínda así, dixo, os socialistas galegos “vamos plantexar as prioridades que entendemos que deben orientar os orzamentos de 2023.
O Pleno comezará coa presentación, por parte da Xunta, dun proxecto de Lei para permitir a provisión de postos de difícil cobertura do persoal estatutario especialista no sistema sanitario, co que a Xunta, dixo, “recoñece explicitamente que o colapso sanitario é consecuencia da propia xestión da Xunta”. Por iso queren aprobar agora o texto, explicou, polo procedemento de lectura única, limitando ao máximo a posibilidade de debate e participación dos grupos parlamentarios.
Luis Álvarez lembrou que o goberno galego estaba avisado xa en 2017, e por parte dos socialistas galegos, de que a supresión de áreas sanitarias provocaría “problemas na cobertura de persoal especialista nos hospitais comarcais”. Daquela, subliñou, “nos tildaron de catastrofistas e apocalípticos, e agora fan un recoñecemento explícito” da situación coa tramitación exprés desta modificación normativa para acelerar a contratación a través de concurso.
O Pleno do Parlamento incluirá ademais tanto unha proposición non de Lei como unha Interpelación do Grupo Socialista sobre a xestión dos incendios forestais. Os socialistas galegos presentan estas iniciativas logo da vaga de lumes deste verán na que, explicou, “fomos extraordinariamente prudentes, o que non quere dicir que non sexamos críticos”.
Por iso plantexarán agora a reforma do sistema de prevención e extinción de lumes forestais para reclamar a contratación das brigadas forestais todo o ano para desempregar tarefas preventivas. Por outra parte interpelarán á conselleira de Medio Ambiente para que renda contas pola afectación dos parques naturais nos lumes deste verán, nos que se mantivo “desaparecida e sen ningún tipo de presenza pública mentres ardían o Courel ou o Xurés”.
O Pleno continuará cunha nova Interpelación do Grupo Socialista, que lle reclamará ao conselleiro de Educación que abandone o seu modelo de libros de texto “ineficiente, inxusto e mellorable” e recupere o modelo de préstamo universal implantado polo presidente Touriño en 2005 e que fora suprimido por Feijóo en 2009 “por unha decisión ideolóxica”. Ademais, dixo, preguntaranlle á Xunta pola falla de profesores nos institutos de Noia e A Guarda.
Luis Álvarez anunciou ademais que o Pleno incluirá tamén unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que reforce os recursos de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia.