O portavoz do Grupo Socialista reclama “transparencia” na xestión dos 1.112 millóns transferidos no Plan de Recuperación e denuncia que agoche ás empresas beneficiarias as axudas
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que explique “que foi o que fixeron cos fondos” que lle transferiu o Estado dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno. Explicou que centrará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento na falla de fiscalización da execución dos fondos, que agochan mentres critican sistematicamente tódalas axudas do goberno.
Os socialistas centrarán o Pleno na falla de transparencia por parte dunha Xunta centrada en “valorar sistemática e negativamente” tódalas decisións do Executivo dende a chegada de Pedro Sánchez. Explicou que Rueda “debe empezar a dicirnos a todos” o que fixo coas axudas millonarias procedentes do Estado para o impulso económico, apoio á innovación, investimentos, transición ecolóxica, cohesión territorial ou en resposta ás consecuencias da crise de Ucraína.
No mesmo sentido, presentarán unha proposición non de Lei para esixir “transparencia” documental da xestión dos 1.112 millóns de euros transferidos directamente ao goberno galego dentro do Plan de Recuperación do Estado. Esixiu saber “cales son e como se concretaron as achegas, os criterios de reparto, as contías previstas inicialmente e as que finalmente se executaron”, e que fagan, en suma, “un elemental exercicio de transparencia na xestión”.
Lembrou que o presidente da Xunta, logo da única xuntanza que mantivo co actual delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, sinalara que as empresas “sabían que axudas ían recibir”, ao tempo que “por algún motivo” se negaba a facer públicas as axudas. Por iso o Grupo Socialista presentará unha pregunta oral para que a Xunta explique cales son esas empresas e esas axudas, e “por que ten eses aparentes compromisos de confidencialidade” con “algunhas empresas”.
Álvarez porá a Rueda diante do espello da súa propia xestión dunhas achegas históricas para a Comunidade Autónoma das que non queren dar máis conta que unha crítica sistemática en sentido negativo. Cuestionou a oposición frontal do goberno galego, xa que “antes da chegada de Sánchez todo estaba ben e agora todo está mal”.
Iniciativas
O próximo Pleno do Parlamento incluirá 3 mocións do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que aumente as contías das bolsas ao estudantado e recupere a gratuidade dos libros de texto aplicada polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño. Lembrou que o modelo de préstamo imposto por Feijóo e que mantivo Rueda ten un “custe elevadísimo, e ademais non da cobertura ao cen por cen do alumnado”.
Na segunda das mocións, os socialistas pedirán a reversión aos concellos dos terreos de Portos que xa non teñen uso portuario e que coa expansión urbanística quedaron integrados nos concellos, tal e como figura nunha proposta anterior aprobada no Parlamento que a Xunta non quere cumprir. Finalmente, incluirán unha moción para que a Xunta incremente os equipos de protección dos menores en risco de desamparo e poña en marcha un Plan de sensibilización.
O Grupo Socialista presentará ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un Plan estratéxico de loita contra a sinistralidade laboral, diante das “cifras alarmantes” logo de que en 2022 houbera 73 falecementos máis que no ano anterior por causas laborais. Finalmente, presentarán unha interpelación para que o conselleiro de Medio Rural explique a modificación dunha Orde para garantir axudas ás empresas que incumpriran a Lei de Cadea Alimentaria.
Besteiro
En resposta a preguntas dos xornalistas, Luis Álvarez sinalou que, de confirmarse que o actual delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a lista electoral por Lugo, resulta “unha magnífica noticia para Lugo e tamén para Galicia”. Lembrou que o PSdeG está inmerso nestes momentos no procedemento interno de elaboración das listas electorais para o Congreso e o Senado nas eleccións xerais do 23 X.