Lémbralle ao presidente da Xunta que coas competencias exclusivas en Industria obtivo unha caída do 5,4 por cento do IPI, o segundo peor dato do Estado
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022. O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a dicirlle publicamente a Feijóo “por que no te callas”, logo de que puxera en cuestión a designación da Coruña como sede da Aesia. Así o dixo na última sesión de control ao presidente do ano, que o socialista dedicou ao fracaso da política industrial da Xunta, que con competencias exclusivas levou a Galicia á terceira peor posición de España.
Álvarez emprazou ao presidente da Xunta a defender a Galicia logo de que o Feijóo “mutante e cambiante”, que “cambia dun día para outro de condicións” en calquera negociación, “pasara de Galicia, Galicia, Galicia a agora pedir explicacións de por que Galicia”.
O mesmo Feijóo, dixo, que triplicou a débeda de Galicia e “responsable da crise institucional actual”, antes de lembrar que o TC “despachara” hai tres anos con un “no procede” un recurso do Grupo Socialista “idéntico” ao que “agora si que procede” presentado polo PP. Daquela, os socialistas elevaran ao Tribunal a decisión do PP de emendar a Lei de Acompañamento dos Orzamentos do ano 2020 para modificar leis que nin sequera figuraban naquela norma.
Acusou a Rueda de renunciar ás competencias exclusivas en materia industrial, lembrando as declaracións do conselleiro de Industria descargando toda a responsabilidade no Estado. Criticou política industrial “de fotografías” e de “explotar conflitos nos que a Xunta non ten competencias e non estar onde si”, e puxo como exemplo gráfico que fixeran “fotos no caso de Alcoa pero ningunha foto no caso de Vestas”, a industria que comprometeron para Lugo e que está no aire.
Preguntou “como é posible que xogando coas mesmas regras que o resto das Comunidades Autónomas” critiquen a xestión do Estado cos fondos Next Generation, mentres “outras non teñen estes problemas”. Resumiu a estratexia do goberno galego nunha “busca implacable de culpables e castigo exemplar de inocentes, vostedes nunca teñen responsabilidades de nada”, mentres un sector que aporta o 14,4 por cento dos activos económicos ten unhas perdas do 5,4 por cento.
Aludiu á caída do Índice de Produción Industrial de Galicia, que caeu a dita porcentaxe interanual mentres no Estado sube 2,2 por cento, o que supón o segundo peor dato do Estado e unha das tres únicas autonomías que rexistran perdas cando “as regras para o reparto de fondos Next Generation son idénticas”. Sinalou que Galicia ten asignados 1.206 millóns de euros, como recoñeceu a Xunta a semana pasada desmentindo as declaracións do portavoz do PP.
Parques eólicos
Sinalou ademais as “erráticas e inexistentes políticas no ámbito eólico” por parte do goberno galego, e cuestionou a súa solvencia lembrando a paralización dos parques “Orzar” e “Tornado” de Showa Denko, con 60 e 67,2 MW asociados, respectivamente, nos concellos de Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo.
Estes proxectos, que iniciaron a súa tramitación en decembro de 2019, foron adiados polo goberno galego ata o punto de que a dirección xeral de Saúde Pública informara negativamente no informe preceptivo porque supostamente estaban situados fora de zonas de Área de Desenvolvemento Eólico -ADE-. Álvarez lamentou que a dita dirección xeral ignoraba que os ditos parques foran declarados proxectos pioritarios dous meses antes pola Xunta, o que os facía viables fora de ADE.