O portavoz do Grupo Socialista reclamaralle ao presidente da Xunta a regulación por Lei da participación dos concellos nos ingresos autonómicos “con criterios obxectivos”
Atribúe as intervencións “agrias e combativas” dos portavoces do PP á súa preocupación polo “resultado previsible” das eleccións municipais e fai un chamado a “recuperar o bo ton e a concordia parlamentaria”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “corrixa de maneira urxentísima” as eivas na xestión dos fondos Next Generation por parte do goberno autonómico que vén de poñer de manifesto o Consello de Contas. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, no que lle reclamará ao presidente da Xunta que garanta unha colaboración financeira cos concellos “con criterios obxectivos”.
O responsable socialista aludiu ao último informe do Consello de Contas sobre a falla de planificación e de transparencia na xestión dos fondos Next Generation por parte do goberno galego dos fondos Next Generation EU entregados polo goberno central á Xunta de Galicia. O Executivo mobilizou en 2021 e na primeira metade de 2022 2.800 millóns de euros en Galicia, dos que 1.400 foron entregados á Xunta para a súa distribución, nun “claro exemplo de cogobernanza”.
Sen embargo, segundo o ente fiscalizador o goberno galego non respondeu con corresponsabilidade, que obriga a realizar unha “clara rendición de contas”. Polo contrario, a Xunta “non levou a cabo unha adecuada xestión e execución de proxectos”, xa que o Consello de Contas foi incapaz de adoptar “ningunha evidencia de que levasen a cabo a identificación de proxectos susceptibles de ser financiados por estes fondos”.
Criticou a hipocrisía política amosada polo executivo autonómico, que mentres lle demanda ao Estado que poña en marcha as axudas “piden que fagan algo que eles incumpren”. Sinalou que o goberno galego “nin de lonxe está a ser modélico en transparencia e eficiencia, revelándose como pésimos xestores” dos fondos públicos.
O portavoz do Grupo Socialista criticou hoxe a xestión destes fondos por parte do goberno galego, que formarán parte da sesión de control no que se refire á xestión dos recursos destinados aos concellos galegos. Álvarez esixiralle a Rueda garantías na colaboración cos entes locais con criterios obxectivos “garantindo a igualdade de acceso” aos recursos públicos “en procesos de concorrencia competitiva”.
Os socialistas presentarán unha moción para reclamarlle á Xunta que renove o Pacto Local e que regule por Lei a participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma garantindo a igualdade de acceso mediante convocatorias públicas.
Baltar
Os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno do Parlamento a situación do presidente da Deputación de Ourense logo de ter sido detectado circulando por unha autovía a 215 quilómetros por hora mentres conducía o vehículo oficial. Álvarez quere que a Xunta faga unha valoración da permanencia no cargo dunha “persoa que ten levado a cabo comportamentos absolutamente inaceptables en cargos públicos”.
Lembra a obriga dos cargos de manter un “comportamento absolutamente exemplar”, tamén no que ten que ver co cumprimento da normativa de tráfico e seguridade viaria. Criticou as “escusas” presentadas polo presidente da Deputación de Ourense sobre que “perdera as referencias espaciais”, co que “máis parece que fose pilotando un avión” que por unha recta “moi longa”, que é “a mesma pola que circulamos todos e todas cumprindo as normas de tráfico”.
O Pleno incluirá una interpelación para reclamarlle ao goberno galego que dea conta dos concellos que teñen solicitado a regresión dos terreos dentro do termo municipal que son titularidade de Portos de Galicia pero que polo desenvolvemento urbanístico xa non teñen uso portuario. Advirte do incumprimento dunha iniciativa aprobada no Parlamento neste sentido logo de constatar que o goberno galego é titular destes terreos, cobra por eles pero elude levar a cabo o seu mantemento.
Tamén incluirán unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que remate a ampliación e revisión dos terreos da Rede Natura 2000 e inicie os plans de xestión para unha figura que incumpre a normativa hábitats da UE. Tamén lle pedirán ao goberno galego que retire o recurso que ten presentado diante do Tribunal Constitucional contra o imposto temporal ás grandes fortunas.
Concordia
O portavoz do Grupo Socialista emprazou ao PP a “recuperar o bo ton e a concordia” nas sesións parlamentarias, logo de que constatar a “actitude francamente combativa” e as “agrias” intervencións dos portavoces daquel Grupo Parlamentario. Advertiu que o PP está “extraordinariamente preocupado polo resultado previsible das eleccións municipais”, nas que o PSdeG “posiciónase de novo como gañador dos comicios”.
En resposta a preguntas dos xornalistas, o portavoz do Grupo Socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que afronte a xuntanza desta tarde co delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, coa mesma receptividade e vontade de colaboración que vai atopar no representante socialista. Confesouse escéptico sen embargo logo da “política de confrontación sistemática co Estado” despregada polo goberno galego.