O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta “garantías de que van empregar os fondos europeos de xeito obxectivo, transparente e con estrito control parlamentario”. Así o dixo na súa primeira sesión de control ao presidente no Pleno do Parlamento, na que lle afeou a Feijóo que cuestione o reparto de fondos comunitarios cando Galicia é a sexta autonomía que máis recibiu o ano pasado.
Álvarez lamentou que o presidente da Xunta cuestione por unha parte “sectarismo” cando 4 das 6 autonomías que máis fondos recibiron están gobernadas polo PP, e por outra parte que critiquen a execución orzamentaria cando Galicia gastou menos da metade das partidas orzamentarias para emprego en 2020. “Esíxenlle ao Estado algo que vostedes incumpren”, resumiu o portavoz do Grupo Socialista.
No último exercicio co nivel de execución publicado, que foi o 2020, a Xunta de Galicia executou menos da metade das partidas en materia de emprego, entre outros nos capítulos de Fondos de Emprego, FP e desempregados ou Melloras para a cualificación para o emprego, esta última cun “escandaloso 2 por cento de execución”. Alertou de que esta “preocupante xestión” por parte do PP “tradúcese en máis precariedade e máis temporalidade”.
Lembrou ademais que neste caso a Xunta é “responsable único”, xa que conta coas competencias exclusivas en materia de emprego. Esixiulle garantías ao goberno galego de que vai facer bo uso dos fondos comunitarios, e lembrou que dos 681 millóns de euros que Galicia recibiu do Fondo de Recuperación, 46 están destinados a políticas públicas de emprego, e 38 deles corresponden a servizos e programas de políticas activas de emprego.
O responsable socialista emprazou ao presidente da Xunta a “demostrar que merecen a confianza” que o Grupo Socialista lle ten ofrecido para defender os intereses de Galicia, logo de que ata o momento o único que teñen acreditado é que “non é quen de xestionar os fondos que recibe”.
Seguidismo de Génova
Álvarez afeoulle ao presidente da Xunta que faga “seguidismo” da estratexia marcada por Génova –a sede do PP nacional- para cuestionar a xestión dos fondos comunitarios por parte do goberno central. Apuntou que “non teñen necesidade” de seguir “a política dun PP cada vez máis radicalizado” e en cuestiona uns fondos que “son unha oportunidade histórica, non son cuestión de siglas nin de partidos, senón unha cuestión de país”.
Sinalou que os “populares” están quedando “sos na estratexia de desgaste” a costa de “sementar dúbidas na xestión do goberno central”, cando onte mesmo o vicepresidente económico da Comisión Europea, Gentiloni, tamén do PP, replicoulle a unha eurodeputada daquel mesmo partido que España “cumpre os obxectivos” e respecta a legalidade. Unha evidencia máis, dixo, da xestión “planificada, solvente e rigorosa” do Executivo.