Lamenta o presunto homicidio machista de Baiona e chama a loitar “sen fisuras, sen medias tintas e sen negacionismos” fronte á “lacra” da violencia machista
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a “asumir que é presidente, malia que sexa por accidente” e tome as rendas fronte á situación crítica da sanidade pública galega. O responsable socialista emprazou a rematar co “calvario de medidas improvisadas” iniciado por un goberno “extraordinariamente nervioso” diante das próximas eleccións municipais.
O responsable socialista sinalou a información publicada hoxe pola que Galicia é a Comunidade Autónoma con máis déficit de prazas ata o ano 2026 polas xubilacións de persoal, logo de anos de goberno de Feijóo e Rueda en Galicia nos que deixaron sen cubrir 120 prazas MIR de médicos de familia mentres Rajoy impedía contratar médicos para cubrir as xubilacións.
Criticou que a única estratexia diante desta realidade sexa “intentar deslexitimar e desmobilizar as protestas sociais”, en alusión á mobilización do próximo domingo que, dixo, “o PSdeG apoia, e chama á poboación a acudir porque non nos podemos seguir resignando a esta situación”.
Advertiu que os servizos de urxencias van “de colapso en colapso” polo déficit de persoal en Atención primaria, mentres o goberno galego “regálanos co argumento de que temos máis centros de saúde dos que nos corresponden”. Advertiu que as esperas e os tempos de atención en Atención Primaria, Pediatría e Xinecoloxía, por exemplo, son “inasumibles” para unha sanidade de calidade, mentres a Xunta presenta “anuncios que non resolven problemas”.
Lembrou o “rosario de medidas” improvisadas polos responsables sanitarios, que pasaron de suxerir que os profesionais de enfermería atenderan aos pacientes na ausencia de médicos, ou que os estudantes MIR de cuarto ano asumiran as consultas sen supervisión. A última, sinalou, é a ampliación da idade de xubilación, que “saben que non poden facer sen modificar a normativa estatal”, e subliñou que “presentar propostas sen solvencia chámase populismo”.
Engadiu que logo de meses protestando pola suposta falla de prazas MIR autorizadas polo Estado, e logo de que este mesmo ano a Xunta deixara sen convocar 100 prazas que tiña habilitadas, agora propoñen bonificar aos médicos por asumir estudantes de formación MIR. Este feito, concluíu, demostra que “hai prazas suficientes” postas a disposición polo Estado, “o que non hai é vontade de resolver o problema”.
Sinalou que a resposta desproporcionada do PP atacando á mobilización responde a que está “extraordinariamente nervioso” diante das eleccións de maio, que os socialistas afrontan “sen renunciar a nada”. Serán, dixo, a “antesala da vitoria de Sánchez no goberno do Estado” e para iniciar o “cambio de tendencia” no goberno de Galicia que o PSdeG está “en disposición de volver a liderar”.
Explicou que os socialistas galegos afrontan o proceso electoral como medio de “garantir gobernos de progreso para resolver os problemas da cidadanía”. Da outra banda, dixo, o PP preséntase a un “cásting de figurantes” ansiosos de ter “o poder polo poder”, e o BNG busca “construír unha realidade identitaria fora de todo lugar”.
Violencia machista
Álvarez comezou a intervención condenando o presunto homicidio por violencia de xénero rexistrado esta noite en Baiona, e que “pon de manifesto a necesidade de seguir loitando sen fisuras, sen medias tintas e sen negacionismos nun problema gravísimo desta sociedade”, como é a “lacra” da violencia machista. Trasladou as condolencias e o agarimo aos familiares e achegados da vítima.