Denuncia que, fronte as mentiras da Xunta, as contas demostran a redución de máis de 868 profesores para este curso
O voceiro de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, afirmou hoxe que os orzamentos da Consellería de Educación e Cultura para o vindeiro ano son “un brinde o sol”, están “cheos de vaguidades” e “carecen de programas novos de calado”. En definitiva, son “unha oportunidade perdida” que, ademais, poñen en evidencia a diferencia entre “a propaganda oficial” e o que realmente se recolle nas contas.
Como exemplo máis paradigmático desta circunstancia, Luís Álvarez mencionou o número de docentes consignados nos orzamentos. Así, en 2020, había 29.942 docentes; en 2021, 31.292; e agora son 30.424. “É certo que se incrementan con respecto ao curso 19-20”, afirmou Luís Álvarez, “pero baixan con respecto ao curso pasado”.
En concreto, o descenso é de 868 docentes, dos que 240 son mestres e 628 profesores de secundaria. Estas cifras nada teñen que ver coas 2.091 contratacións novas anunciadas pola Xunta a principio de curso.
FALLA DE COMPROMISOS REAIS COS CENTROS EDUCATIVOS
Por outra banda, Luís Álvarez tamén lamentou a ausencia de compromisos reais con novos centros. “Proxectos nada máis”, apuntou o deputado socialista, xa que todas as cantidades incluídas nos orzamentos se reducen a proxectos de redacción, ampliación ou construción, e non a obras efectivas.
Ademais, moitos deles regresan outra vez aos orzamentos sen que nas anteriores ocasións se avanzase nada. Neste caso, Luís Álvarez fixo mención, por exemplo, a que “volven consignar por enésima vez o proxecto de redacción para o novo IES de Vigo”.
De maneira paralela, sinalou que se volven consignar as mesmas cantidades que o ano pasado para reparacións, ampliacións e melloras, co agravante de que se reducen á metade as cantidades previstas nos Centros de Educación Especial.
Isto, conclúe Luís Álvarez, demostra “a pouca ou nula coherencia” co Plan de nova arquitectura pedagóxica, que se cita reiteradamente na memoria dos orzamentos. “Cremos”, indicou Luís Álvarez, “que 1.094 centros públicos con demandas de pequenas actuacións acreditan a necesidade de destinar una cantidade maior”.
OUTRAS PARTIDAS E PROGRAMAS
Con respecto a outras partidas e programas, Luís Álvarez criticou o “incremento aparente” no programa de ensinanzas artísticas. Neste caso, a suba débese só a Xunta inclúe as obras para a rehabilitación integral no conservatorio superior de Vigo, valoradas en 1,2 millóns de euros. “De non ser por iso”, apuntou o deputado socialista, “a suba neste apartado só sería de 1,2%”. Isto, xunto co programa relativo a ensinanzas especiais, “volve evidenciar o baixo compromiso do goberno galego con estas ensinanzas”.
Luís Álvarez tamén evidenciou que a suba no programa de educación especial débese a que van levar a cabo obras de mellora funcional e integración en sinaléctica por valor de dous millóns de euros. “Descontado isto” alertou o parlamentario do PSdeG, “volvemos encontrarnos cun 1,2 porcentual de suba”.
No caso da partida para dirección e servizos xerais de educación, a maior parte do incremento corresponde aos 53,5 millóns de euros achegados polo goberno do Estado dentro do mecanismo de recuperación e resiliencia. E canto a prevención do abandono escolar, Luís Álvarez revelou os baixos niveis de execución dos orzamentos ata o de agora, menos dun 36% no que vai de ano. Isto demostra que “utilizan este programa para facer propaganda potente e contrarrestar as deficiencias de dotación doutros programas”.
UNIVERSIDADE
No eido da universidade, Luís Álvarez sinalou que a Xunta consigue chegar por fin ás cantidades que tiñan as contas no ano 2009. “Recuperan o nivel de investimento de Touriño, pero fano 13 anos máis tarde e cunhas universidades máis competitivas e unha comunidade educativa con máis esixencias”, apuntou. Por iso, criticou que a Xunta entenda como aceptable unha suba nos orzamentos que non chega nin ao 1% para unha época como a actual, “de múltiples necesidades e enormes retos pola pandemia”.
Ao mesmo tempo, lembrou que os reitores “aplauden a súa taxa de reposición para persoal docente, pero preocúpalles que non veña acompañado dun financiamento que permita manter o custe do cadro de persoal”.
LINGUA GALEGA E CULTURA
Con respecto ao fomento da lingua galega, Luís Álvarez alertou de que é un dos programas máis prexudicados, xa que se reduce nun 22 por cento. “Nada nos sorprende disto”, afirmou, “visto o nivel de execución deste programa, que no segundo semestre era do 16,2%”. Trátase dunha clara mostra da falla de compromiso do goberno galego coa defensa do idioma.
En materia cultural, o parlamentario do PSdeG advertiu de que “unha vez máis consígnase una cantidade inxente destinada á Cidade da Cultura coa que financiaremos bosque, un centro de emprendemento e gastos comúns sanitarios ou de ciberseguridade”.
“De cultura cero”, lamentou Luís Álvarez.