Acusa ao PP de provocar a paralización dunha votación nas cortes “por primeira vez na historia da democracia”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou hoxe de “ataque á democracia” a decisión do Tribunal Constitucional de impedir o debate da renovación do propio TC e do Consello Xeral do Poder Xudicial, que se ía producir esta semana no Senado. O responsable socialista lamentou que o propio PP teña buscado unha “vitoria pírrica” a costa de “destapar a caixa dos tronos”.
Subliñou que a decisión do Constitucional “se debe de acatar”, logo de subliñar a súa relevancia, que leva ao sistema á “exploración dun territorio inédito e perigosísimo”, ata o punto de que é “a primeira vez na historia da democracia que se impide a votación nunha Cámara representativa da vontade popular”. Ademais, dixo, cunha decisión que “causa pasmo” a especialistas do Dereito Constitucional.
Lembrou que a prohibición vai contra dun procedemento lexislativo que “se ten empregado nesta mesma Cámara” ao introducir modificacións lexislativas “pola vía das emendas”, como sucedeu hoxe mesmo no debate da Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta, que modifica ata 30 leis e decretos alleos aos propios Orzamentos.
E todo iso a costa de forzar ao TC a “paralizar a tramitación dunha Lei na mesma sede da soberanía popular”, malia que a Lei “non lle confire ao Tribunal a posibilidade de paralizar a actuación das cortes constitucionais”. Resumiu que “estamos fronte a un conflito entre quen incumpre a Constitución dende hai 4 anos”, impedindo a renovación da representación xudicial, “e quen quere cumprila”.
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, tamén interveu hoxe para cualificar o feito dun “atentado sen precedentes contra os principios fundamentais básicos do Estado de Dereito”, que queda “no haber do señor Feijóo, ese que ía a Madrid como líder moderado”.