O portavoz do Grupo Socialista reclámalle á Xunta que retire a rebaixa fiscal aos máis ricos para recuperar a tarxeta básica
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou que os Orzamentos da Xunta para o ano 2023 sexan “low cost para os servizos públicos”, replicando o reparto do ano anterior entre as consellerías nas que pivotan estes servizos básicos. Álvarez compareceu hoxe diante dos medios logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou o calendario do debate dos Orzamentos no Parlamento.
O responsable socialista sinalou que Sanidade, Educación e Política Social consolidan a mesma distribución do ano 2022, ao repetir o peso relativo daquelas contas, incluíndo unha redución do 0,6 por cento en Educación, mantendo o recorte histórico do profesorado dos últimos anos. Álvarez lamentou a “confusión de cifras” sobre a suposta suba do orzamento en Atención Primaria, ofrecendo dúas versións diferentes entre o martes e a sesión de control de onte mércores.
Alertou que o incremento do gasto sanitario parece corresponder aos 174 millóns de euros do Plan de mellora de infraestruturas sanitarias, e trasladou a súa preocupación por que “a Xunta mellore os Centros de Saúde pero non os dote de persoal”. Puntualizou que “é necesario que teñamos infraestruturas dignas”, pero alertou do risco de que carezan de “persoal suficiente” para desenvolver a actividade.
Álvarez anunciou que os socialistas traballan xa na emenda de devolución duns Orzamentos que carecen de medidas para a redución da pobreza, como foi no seu momento a Tarxeta Básica, suprimida por Rueda nada mais chegar á presidencia da Xunta. Afeoulles tamén que manteñan conxelado o Servizo de Axuda ao Fogar, sen compromiso de financiamento adicional para que os concellos poidan despregar as políticas sociais que lles deriva o Executivo autonómico.
Patrimonio
O portavoz do Grupo Socialista reclamoulle así á Xunta que renuncie á redución fiscal do imposto do Patrimonio para os máis ricos, para empregar eses 34 millóns de euros que deixará de recadar para recuperar a tarxeta básica “por idéntico custe”. A tarxeta básica permitía a 75.000 galegos e galegas o acceso a produtos básicos de supermercado, hixiene ou farmacia, cunha axuda que deixarán de recibir mentres o goberno galego lles rebaixa impostos aos máis ricos.
Sinalou que “fora de San Caetano, dos despachos do goberno e dos coches oficiais moita xente necesita tódolos días de produtos básicos, seguen necesitando do apoio do goberno da Xunta de Galicia”. Lembrou que os socialistas galegos levan “meses” demandando que o goberno galego poña en marcha unha figura como a tarxeta básica.
Política industrial
Luis Álvarez resumiu que “non son os orzamentos que necesitaría esta Comunidade Autónoma”, por canto o goberno galego “desaproveita a ocasión” de levar adiante as reformas necesarias cando dispoñen dunhas contas “históricas” grazas entre outras cousas ás aportacións do Estado. Lamentou que os orzamentos adoecen de “ningún viso mínimo de corrección da política industrial” de Galicia.
Criticou que carecen de “medidas decididas” para o impulso da política industrial mentres “culpan con carácter preventivo ao goberno do Estado” con “escusas de mal pagador”, en alusión á última comparecencia do conselleiro de Economía e Industria no Pleno do Parlamento.