O portavoz do Grupo Socialista censura no debate do teito de gasto a política orzamentaria “insolvente e insolidaria” da Xunta, “máis preocupada en vender xestión que en dedicarse a protexer” a quen o necesita
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou hoxe de “incoherente e cínico” o discurso da Xunta de baixarlle impostos aos ricos mentres reclaman máis fondos do Estado. Así o dixo no debate do teito de gasto que tivo lugar no Pleno do Parlamento -que foi aprobado malia ao voto en contra dos socialistas-, e no que puxo en dúbida a xestión económica do goberno galego, máis preocupado en vender xestión que en protexer ás persoas, segundo sinala o Consello de Contas.
Álvarez alertou de que a estratexia da Xunta de baixarlle impostos aos máis ricos, mentres as rendas medias e baixas apenas reciben unha “redución cosmética”, en realidade condiciona e debilita a posición negociadora de Galicia. Advertiu que “ir a unha negociación asegurando que estamos tan sobrados de recursos que podemos perdoarlle o imposto do Patrimonio aos máis ricos non é o mellor xeito de defender os intereses do país, e só por iso merecerían ser substituídos”.
O responsable socialista citou o último informe do Consello de Contas no que alertaba dunha xestión “insolvente e insolidaria” por parte do goberno galego, que non se preocupa da protección das persoas e é incapaz de xestionar con éxito o Fondo de Compensación Interterritorial. Lembrou que en 2020 non executou nada dos recursos achegados a Galicia, e en 2021 apenas puido gastar o 10 millóns de euros, apenas o 26,71 por cento dos fondos dispoñibles.
Subliñou que “de pouco serve, e menos ás persoas e sectores necesitados, a suficiencia de recursos se non vai acompañada dunha planificación acertada e unha execución correcta”, mentres o goberno galego está máis preocupado de despregar unha política tributaria coa que despregan “unha copia literal das políticas xerais do PP en combinación con Vox.
Campaña electoral
Luis Álvarez criticou que o goberno galego empregue os orzamentos como recurso para darlle “soporte económico á campaña electoral do PP para as próximas eleccións” e reivindicou “apostas comprometidas” para os sectores sociais e produtivos en dificultades.
Sinalou ás conclusións da Rede da Pobreza, que advirten que 636.000 galegos e galegas están en risco de pobreza, unha cifra que podería ser moito maior de non ser polo escudo social dos ERTE, o IMV no goberno central e a Risga e a malograda Tarxeta Básica por parte da Xunta.
Salientou que “unha sociedade máis equitativa é unha sociedade moito mellor”, e comparou a resposta á crise financeira de 2008 e 2009, que afondou nas desigualdades, e o escudo social despregado polo goberno socialista como resposta á crise de 2020. Mentres a resposta do executivo de Rajoy lastrou o crecemento económico, grazas á estratexia do executivo de Sánchez, hoxe España lidera o crecemento da zona euro malia á crise da covid e de Ucraína combinadas.