O portavoz do Grupo Socialista sinala que en 14 anos Feijóo e Rueda fixeron en 5 anos 14 veces menos vivendas sociais que o goberno de Touriño en 3 e medio
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe a “inexistente e desastrosa” política de vivenda da Xunta, logo de que o presidente da Xunta confesara, 14 anos despois de que o PP asumira o goberno, que “acaba de detectar o problema”. O responsable socialista centrou a sesión de control do Parlamento na situación da vivenda en Galicia e nunha política de vivenda que “non da resposta” dende o goberno galego.
Álvarez lamentou o desleixo do goberno galego, que vén de decatarse de que os prezos do aluguer non deixan de aumentar e a oferta de vivenda sitúase en mínimos históricos sen que fagan nada máis que “nin facer nin deixarlle facer ao goberno de España”. Explicoulle ao presidente da Xunta que en Galicia só o 15 por cento dos mozos de entre 19 e 29 anos pode independizarse da súa familia, a costa de dedicar a metade do salario ao alugueiro.
O portavoz socialista fixo balance da falla de xestión do goberno galego, que baixo a presidencia de Feijóo e Rueda apenas promoveu 617 vivendas públicas nos últimos 5 anos, 14 veces menos que as 9.000 vivendas sociais construídas polo goberno presidido polo socialista Touriño en apenas 3 anos e medio. Advertiu que dende o ano 2010 deixaron sen executar 470 millóns de euros cos que poderían ter posto a disposición 4.700 vivendas sociais.
Criticou que o goberno galego leve 14 anos “sen dar resposta ás necesidades reais da poboación”, ademais de que mentres desatenden as súas competencias critican a iniciativa do goberno de Pedro Sánchez. Álvarez ironizou con que “as case 1.300 vivendas dispoñibles en Galicia por parte do goberno de España parécenlles poucas, pero as apenas 125 adquiridas pola Xunta ao Sareb as consideran un éxito de xestión”.
Censurou que se teñan oposto á Lei de Vivenda, como fan “de maneira sistemática contra calquera avance social”, como fixeron antes ao opoñerse á suba das pensións á lei de Dependencia, ou contra o matrimonio igualitario. Desta volta, dixo, opóñense a un goberno que quere garantir o acceso á vivenda liberando 3.500 millóns de euros no ano 2023, fronte aos 425 que destinaba Rajoy no seu último goberno.
O retorno de Besteiro
O portavoz socialista criticou que o PP se demostre “moi nervioso co retorno de Gómez Besteiro e o tándem con González Formoso, e por iso “falan do Garañón”, en alusión ao derrubo do edificio de Lugo. Lembrou que se trata dunha promoción privada que tivo que ser autorizada obrigada por unha modificación do PXOM que fixo o PP en Lugo.
Luis Álvarez subliñou que “non teño ningunha foto da que avergoñarme con Gómez Besteiro”, antes de preguntarlle ao presidente da Xunta “cantos liderados hai en Galicia no PP” e de responder que “catro, e non hai máis porque non hai máis provincias”. Incidiu así na división interna do PP coa súa candidata en Lugo protestando contra a política da Xunta en materia de gandería, ou Calvo cuestionando dende A Coruña o acordo cos médicos.
Sinalou ademais que “en Ourense xa sabemos quen manda”, antes de reclamarlle ao presidente a Xunta que lle esixa responsabilidades a Baltar logo de ser detectado circulando a 215 quilómetros por hora conducindo un vehículo oficial pola autoestrada en Zamora.