Lamenta a “falla de compromiso” da Xunta, que levou a Galicia a ser a segunda autonomía que menos inviste en atención primaria, ten 10.000 solicitudes de Dependencia sen valorar e deixa sen executar 400 millóns en vivenda pública
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, criticou hoxe que “cando o PP entra pola porta os servizos públicos saltan pola ventá”. Así o dixo na sesión de control ao presidente no Pleno do Parlamento, onde sinalo as consecuencias dos recortes dos gobernos do PP na sanidade pública, na atencións aos maiores e na Dependencia e nas políticas de vivenda pública.
O responsable socialista lamentou a “falla de compromiso en materia de políticas sociais” porque “vailles no ADN non primar aos servizos públicos”, como evidencia que logo de 13 anos de xestión Galicia sexa a segunda Comunidade Autónoma do Estado que menos inviste en atención primaria, só por diante de Madrid. Criticou que o goberno galego responda á situación crítica da sanidade pública con “ocorrencias semana a semana”.
Álvarez lembrou as declaracións da responsable do Sergas anunciando a supresión de pediatras, que adiarían por sistema as citas de atención primaria e un Plan especial para os crónicos que levan 6 meses desatendidos. Daquela pasaron a anunciar que substituirían aos médicos por enfermeiros nos PACs, substituíndo aos facultativos por “cursos de formación, teléfono e pantallas de plasma” que o colexio de médicos considera “ilegal, ineficiente e temerario”.
O parlamentario socialista sinalou que a sanidade galega está a pagar os recortes do PP durante a década pasada, cun persoal precarizado mentres a Xunta tan só é quen de incrementar a plantilla en 42 facultativos logo de que o goberno de Sánchez encadeara as 5 convocatorias MIR máis altas da historia, que a Xunta non foi quen de cubrir.
Cualificou de “absolutamente indecentes” as listas de agarda en consultas, cirurxías e probas diagnósticas provocadas polo PP entre 2019 e 2022, nunha comunidade autónoma que pasou do posto 12 ao 14 en médicos de atención primaria por habitante e pasou do posto 9 ao 12 en gasto por sanitario.
O portavoz socialista acusou ao PP galego de ser “herdeiros de Aznar”, cando dicía que a Dependencia era “cara”. Reclamou o reforzo do persoal encargado dos servizos de valoración da Dependencia, con 10.000 solicitudes sen tramitar e que rexistra listas de agarda “insoportables” na atención aos maiores, cun déficit de 15.000 prazas segundo o informe dos directores e xerentes de servizos sociais.
Álvarez reivindicou un modelo público de residencias, e lembrou que malia o compromiso do PP, que en 2017 anunciara a construción dunha residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas para crear 900 prazas, cinco anos despois non fixeron “nin 900, nin 90, nin 9”.
Finalmente, esixiulle ao goberno galego que executen as partidas que comprometen en materia de vivenda pública, logo de constatar que entre 2010 e 2020 deixaron sen executar 400 millóns de euros, outros 17 millóns de euros en 2021 e no que vai de 2022 tan só executaron o 3 por cento do Orzamento previsto. Criticou que tan só aspiren a ter rematadas 64 vivendas neste ano para 15.808 persoas inscritas no rexistro de demandantes.