O portavoz do Grupo Socialista acusa a Rueda e ao conselleiro de Industria de “priorizar as necesidades de Feijóo e Ayuso” por diante das necesidades de Galicia
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe á Xunta de ter bloqueados durante dous anos os informes necesarios para habilitar os parques eólicos de Showa Denko e de Alcoa “por unha simple cuestión de confrontar co Estado”. Así o dixo antes de sinalar ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Industria por “priorizar as necesidades de Feijóo e Ayuso” antes que as necesidades de Galicia.
Advertiu que “lles importa máis o resultado electoral do PP que o desenvolvemento eólico desta Comunidade Auónoma”. Aludiu así aos parques eólicos asociados ao proxecto de Alcoa e aos dous parques “Orzar” e “Tornado”, con 60 e 67,2MW asociados, respectivamente, previstos para os concellos de Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo, uns proxectos que iniciaron a súa tramitación en decembro de 2019.
Álvarez apunta que o Estado xa vai pola terceira vez que reclama os informes preceptivos de Augas de Galicia e as direccións xerais de Emerxencias e de Saúde Pública. Esta última dirección xeral negouse en agosto a emitir o informe porque os parques estaban fora de zonas de Área de Desenvolvemento Eólico -ADE-, obviando que o Consello da Xunta os declarara en xuño proxectos vertebradores, co que si que poden situarse fora de ADE.
O portavoz do Grupo Socialista lamentou a falla de coordinación interna do goberno galego, por canto Saúde Pública “non se tiña enterado” de que foran declarados proxectos estratéxicos e vertebradores, e preguntou “cantos gobernos hai”, antes de sinalar que “dous como mínimo”.
Criticou que ao goberno galego lle entren agora “as presas” logo de dispor de dous anos para emitir os informes, que teñen que estar feitos antes de que remate xaneiro e agora xa non caben máis prórrogas. Deste xeito, dixo, bloquean ao Ministerio de Transición Ecolóxica, que ten que emitir os informes en moito menos tempo do regulado “porque a Xunta estivo bloqueando os desenvolvementos eólicos”.
O responsable socialista empregou este caso como mostra do desleixo do goberno galego, “instalado na resignación a perder o control da economía da Comunidade Autónoma” e só preocupado da campaña electoral, “desgrazadamente para Galicia”. Emprazou a Rueda e Conde a “reconducir, recuperar o control e aproveitar uns orzamentos históricos para vertebrar e recuperar a Comunidade Autónoma”.
Declaracións inadmisibles
Replicou ás “inadmisibles declaracións” do conselleiro de Industria esta fin de semana, cando sinalou ao Estado como responsable do futuro industrial de Galicia. Lembrou que a competencia de Industria é exclusiva de Galicia, e preguntou “para que necesitamos un goberno autonómico e un conselleiro de industria” que claudican en favor do Estado, polo que dixo que, de ser así, “o que ten que facer é pedir que as competencias en materia industrial se devolvan ao Estado”.
Luis Álvarez sinalou que a falla de xestión industrial do goberno galego provocou a caída continuada do Índice de Produción Industrial en Galicia, ata o punto de que acumula unha perda interanual do 5,4 por cento, mentres o Estado aumenta un 2,2, e no que vai de ano Galicia caeu xa un 2 por cento, a segunda peor caída do Estado.
Desmentiu finalmente ao conselleiro de Economía e Industria, que se escuse en que o Estado ten a xestión dos fondos Next Generation, cando a realidade é que Galicia dispón de 1.259 millóns de euros. Sen embargo, son incapaces de reactivar a actividade económica de Galicia, xa que malia que o impacto da pandemia foi menor nesta Comunidade Autónoma que no resto do Estado, rexistra unha recuperación menor que a media, afastando a converxencia económica.