O portavoz do Grupo Socialista urxe ao goberno galego a “poñerse a traballar” logo de “tres meses de brazos caídos dende que Ayuso decidiu cambiar ao presidente da Xunta”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou que o presidente da Xunta teña presentado un proxecto “insuficiente e irrelevante” na súa sesión de investidura. Así o dixo na primeira sesión de control a Alfonso Rueda, na que instou á Xunta a “poñerse a traballar” logo de “tres meses de brazos caídos dende que Ayuso decidiu que Galicia tiña que cambiar de presidente”.
O responsable socialista alertou fronte a un proxecto “que arranca esgotado, sen ambición de ningún tipo e que herda un panorama desolador do que foi corresponsable tras 13 anos” nos que formou parte dos gobernos do PP. Confesou a súa “preocupación” diante dun “presidente pouco relevante, tutelado, sen política sanitaria, social ou económica” e esixiulle que “cambie de rumbo, reúnase coa oposición, atenda aos concellos e traballe por unha Galicia mellor”.
Emprazou a Rueda a cambiar o rumbo do seu predecesor e atender á solicitude de reunión do secretario xeral do PSdeG, así como cos concellos e abandonar a “senda continuísta de recortes e desfeitas do señor Feijóo”. Reclamoulle “reverter as listas de espera en sanidade”, apostar por un sistema público de residencias para paliar o déficit de 14.000 prazas e incorporar aos 10.000 galegos e galegas demandantes de Dependencia que non aparecen nas listas.
Sinalou a urxencia de recuperar os 1.300 docentes menos no sistema educativo público con respecto ao ano 2009, ou ampliar o investimento en I+D+i ata o 3 por cento do PIB, sumarse ao pacto para o desenvolvemento das enerxía renovables impulsado polo líder dos socialistas galegos e, finalmente, reclamoulle encetar políticas activas de emprego dirixidas á xuventude.
Luis Álvarez reclamoulle ao presidente da Xunta que “traballen” logo de “rematar o xogo de cadeiras” no goberno galego, para afrontar a difícil situación de Galicia. Advertiu que a industria galega sufriu a maior caída do país no mes de marzo, perdendo un 7 por cento mentres no estado sube un 13 por cento, o persoal ocupado no sector servizos medra menos que a media, ou a taxa de pobreza aumenta nun 2,9 por cento nos dous últimos anos, mentres en España baixa un 0,5.
Dependencia
O portavoz do Grupo Socialista advertiu da situación da Dependencia en Galicia, á cola do Estado en investimento por persoa potencialmente dependente, como vén de revelar onte a Asociación de directores e Xerentes de Servizos Sociais. Estes acusaron ao executivo autonómico de “facer caixa en 2021 co incremento dos Orzamentos Xerais do Estado”, que empregaron para “aliviar as arcas autonómicas en lugar de incrementar a atención a persoas dependentes”.
Advertiu que “o modelo do PP fracasou en tódolos planos”, sinaladamente en política social, como vén de evidenciar a situación da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén, onde se vén de coñecer a grave desatención aos usuarios, e que “evidencia a perversión do modelo de residencias do PP no que prima o tándem máis privatización / menos inspección”.
Emprazouno a “abandonar a estratexia de culpar a outros dos problemas da nosa Comunidade Autónoma mentres venden como méritos propios políticas que desenvolve o goberno central”. Aludiu así á teima do presidente da Xunta de vender un suposto agravio a Galicia e ás autonomías do PP no reparto dos fondos europeos por parte do Estado, cando a realidade é que a primeira é Andalucía, a terceira é Madrid, a cuarta Castela e León e a sexta Galicia, por riba da media.