O portavoz do Grupo Socialista denuncia que a sociedade Recursos de Galicia foi creada ao amparo dunha Lei que non existe e deixa o 70 por cento do capital en mans privadas
Critica a “incapacidade absoluta” na xestión eólica do goberno galego, que provocou 112 contenciosos e 2.400 recursos administrativos que afectan a 64 parques
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe a Rueda de levar a “inseguridade xurídica” á xestión dos recursos naturais de Galicia. O responsable socialista empregou a sesión de control ao presidente da Xunta para criticar a privatización da xestión dos recursos naturais a través do “chiringuito” Recursos de Galicia -RdG-, unha sociedade que deixa o 70 por cento do seu capital en mans privadas.
O responsable socialista alertou de que este “chiringuito” deixa “moi claro” que o PP é “incapaz de xestionar a riqueza de Galicia como territorio enerxético” e reclamoulle a Rueda que “en vez de andar de cervexas por Galicia fora tomar algunha a Bruxelas para defender a Galicia. Acusou ao goberno galego de constituír esta sociedade público – privada deixando a maioría do seu capital social en mans privadas e ao amparo dunha Lei que non existe.
Álvarez explicou que a Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais en Galicia, que segundo o goberno galego ampara a creación desta entidade, en realidade “non existe, nin entrou no Parlamento para a súa tramitación e non vai ser aprobada nesta Lexislatura”.
Continuou enumerando as eivas xurídicas desta operación, anunciada sen que conste a creación da sociedade no Consello da Xunta, cando anuncian a entrada de capital privado sen licitala en concurso público e nomean un conselleiro delegado sen coñecer as retribucións nin o réxime ao que está suxeito. Advertiu que esta sociedade ten “máis sombras que luces”, antes de que Rueda apelara ao exemplo do País Vasco que, retrucou Álvarez, conta cunha sociedade cen por cen pública.
A sociedade RdG, explicou, foi creada pola sociedade denominada Galicia Impulsa, que pola súa banda fora constituída pola Xunta xunto con Abanca, Reganosa e Sogama, e que foi criticada duramente polo Consello de Contas pola súa “opacidade, falta de transparencia e de rendición de contas”, e que o ente fiscalizador entende que debera de integrar ao sector público.
Incapacidade absoluta
O portavoz socialista criticou a “incapacidade absoluta” demostrada polo PP na xestión do sector eólico galego, onde provocaron 112 contenciosos e 2.400 recursos administrativos que afectan a 64 parques, segundo a propia Consellería de Economía. Álvarez subliñou que “a realidade é que a forma de xestionar do PP sempre xera inseguridade xurídica”.
Responsabilizou ao PP da “parálise” do sector eólico de Galicia durante unha década pola falla de xestión dos gobernos de Feijóo e Rueda e as políticas de bloqueo ás renovables impostas por Rajoy dende o goberno do Estado. Así, entre 2009 e 2018 só foron instalados 277 megavatios en Galicia, o que supuxo “unha perda millonaria en investimentos e a paralización na creación de postos de traballo”.