O portavoz do Grupo Socialista lembra que Feijóo critica as listas de espera que cuestionan a propia xestión do PP en Galicia
Apunta que a política eólica da Xunta é o “exemplo paradigmático” do “déficit de xestión” e da “traxectoria errática” do goberno galego
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe de que as críticas de Feijóo contra ao goberno central pola sanidade poñen en realidade en cuestión a xestión da Xunta, que ten asumida a competencia. Coas declaracións desta fin de semana, o ex presidente da Xunta, estalle mostrando a Rueda e Comesaña que “é o momento de abandonar a política” pola “crise absoluta” da sanidade galega.
Así o dixo logo de que o ex presidente da Xunta alertara de que as listas de espera derivan da privatización da sanidade, obviando que iso é o que fixeron primeiro el e agora Rueda nos últimos 14 anos en Galicia.
Álvarez apuntou que Feijóo fai estas críticas cando as listas de espera están disparadas en Galicia e cando Alfonso Rueda se enfronta á “crise absoluta do sistema sanitario” logo da precarización e da privatización que teñen aplicado en Galicia dende 2009. “A lo mellor Rueda e o conselleiro de Sanidade non están a entender o que está a pasar nesta Comunidade Autónoma”, e por iso “é o momento de abandonar a política”, remachou.
O portavoz socialista aludiu ás declaracións do ex presidente galego esta mesma fin de semana, cando dixo que “cando te das conta de que non entendes o que está a pasar no país é o momento de abandonar a política”. Álvarez esgrimiu as cifras do IPC de España, o menor da UE como resultado da política económica do goberno, antes de reclamarlle a Feijóo que “en aplicación da súa propia medicina debera valorar se ten que abandonar a política”.
Lamentou a desafortunada comparativa feita por Feijóo esta mesma fin de semana reclamando unha “triple A” nas próximas eleccións municipais, cunha “referencia desgraciada” á Alianza Apostólica Anticomunista -AAA-.
Cualificou ademais de “inconsistentes, insolventes e oportunistas” as peticións para que goberne a lista máis votada logo de levar 1.509 días bloqueando o poder xudicial, esquecendo que non deixan gobernar ao PSOE no Estado e en alcaldías como Ourense, onde foi a lista máis votada.
Política eólica
O responsable socialista dixo hoxe que a política eólica é o “exemplo paradigmático” do “déficit de xestión” da Xunta de Galicia, á que “non lle importa poñer en risco investimentos estratéxicos co único afán de confrontar co goberno”. Lembrou que a Xunta está a forzar o límite de prazos para aprobar 140 declaracións de impacto ambiental das que dependen os parques eólicos galegos antes do 25 de xaneiro.
Acusou ao goberno galego de manter paralizadas as declaracións dende hai máis de 2 anos sabendo da súa importancia, e dixo que “non lle poden pedir ao goberno central a mesma dilixencia que tivo a Xunta”, cando se poñen ademais como exemplo despois de retrasar a xestión “de forma deliberada”. Cualificou de “pintoresco e extraordinariamente preocupante” a resposta do goberno galego fronte ás consecuencias da súa traxectoria “absolutamente errática”.
O responsable socialista alertou de que a xestión do sector eólico demostra unha Xunta “insconsciente, inoperante e insolvente” ata o punto de que a propia dirección xeral de Saúde Pública informara contra das autorizacións de dous parques eólicos que dous meses antes foran declarados estratéxicos, o que permitía automaticamente o trámite.
Xestión folclórica
Luis Álvarez criticou a xestión “folclórica” da Xunta de Galicia aludindo á reparación da estrada do Caurel que une Folgoso con Quiroga, que tardaron 6 meses en habilitar unha solución provisional, pedindo “celeridade” ao Estado que tardou 2 días en habilitar o paso polo derrube da N-642 en Burela. Reclamoulle ao goberno galego que impulse “de forma decidida” a VAC Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao, que leva máis de 20 anos en construción, e pola súa parte reclamoulle ao goberno central o impulso da autovía Barreiros – San Cibrao.