O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou o voto en contra do PP a destinar ao profesorado necesario ao CEIP As Nogais, en Lugo, para manter dúas unidades de Educación Primaria. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación celebrada hoxe no Parlamento para “darlles aos alumnos de As Nogais aquelo ao que teñen dereito, máxime nunha zona despoboada”.
Álvarez explicou que unha instrución da Consellería de xullo de 2009 determinaba que se agruparía ao alumnado de Primaria nunha mesma unidade cando houbera 10 alumnos ou menos.. Reiterou que “se o criterio é non agrupar cando hai máis de 10 alumnos, non pode ser que nas Nogais metan a 13 alumnos nun mesmo grupo”, incumprindo a normativa e provocando unha arbitrariedade que “nada ten que ver coa Inspección educativa, á que utilizan como parapeto”.
Criticou a “contradición” entre a intención manifesta por defender o sistema educativo galego e este caso no que optaron por unificar os grupos “co único obxecto de reducir o número de profesores”. Criticou que “salten tódalas normas para facer contención de gasto público” e alertou de que “a base de actuacións coma esta conseguen reducir 240 mestres en toda a Comunidade Autónoma”.
O responsable socialista alertou da grave situación na que deixan ao centro de As Nogais, o único centro público do concello, que está a padecer as peores consecuencias da xestión educativa do goberno galego, que fai que Galicia teña o menor rateo de alumnos por profesor e o terceiro menor investimento por alumno do Estado.
Luis Álvarez presentou esta iniciativa logo da alerta do concello de As Nogais, así como de nais e pais de alumnos do CEIP, que pasou a ter un só grupo de Primaria logo de manter dous grupos diferentes no curso pasado, agrupando os alumnos de primeiro a terceiro por unha banda e de cuarto a sexto pola outra, e cando “existen fondos para manter ao profesorado”.