O portavoz do Grupo Socialista recomenda ao presidente da Xunta que vaia facer oposición ao Estado dende o Senado: “para o que Feijóo e Tellado fan por Galicia…”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou ao presidente da Xunta de provocar a “Galicia minguante”, con menos poboación, menos produción e menos renda familiar. Álvarez criticou a falla de iniciativas da Xunta para impulsar a economía galega e reforzar os servizos públicos e reclamoulle que “supere a fase de vaguidades e anuncios, que ten convertido ao goberno nunha empresa de publicidade”.
O responsable socialista advertiu que “mentres toda Galicia está escoitando o tictac no reloxo agardando polas medidas da Xunta, o goberno galego o que fai é tiktok”, en alusión á apertura dunha conta da Xunta na rede social a pasada semana. Álvarez urxiu ao presidente da Xunta a tomar a iniciativa mentres o Foro Económico de Galicia confirmaba onte que o PIB galego medra a metade do Estado.
Dixo que o “desacerto” das políticas económicas da Xunta provoca que Galicia estea “desacoplada” do resto do Estado, abandonando a axenda da converxencia coa economía do entorno, e lembrou que hoxe hai 107.000 galegos e galegas menos que en 2010, que ademais “producimos menos e temos menos renda familiar”. Advertiu que “non hai un só colectivo que non teña motivos de preocupación, ameazado pola incerteza do futuro e o goberno galego non está do seu lado”.
Criticou que a medida estrela do goberno galego sexa a rebaixa de 35 euros pola deflactación do tramo autonómico do IRPF, unha medida “exigua” mentres garanten unha rebaixa do imposto do patrimonio que suporá 4.415 euros para os 7.700 galegos máis ricos.
Álvarez enumerou os “logros” do goberno galego, que pasan por aumentar nun 4 por cento os fogares con dificultades para chegar a fin de mes, multiplicar por catro os fogares que tiveron que modificar os hábitos de compra para chegar a fin de mes. Criticou a falla de medidas da Xunta mentres o IPC galego medra por riba da media do Estado, ou reducir o Índice de Produción Industrial nun 2 por cento mentres no Estado aumenta un 3 por cento.
Sinalou que a xestión do goberno galego resulta “letal” para os autónomos, con 3.000 menos en 2022, mentres deixan sen executar os 54 millóns de euros das partidas para acceso a vivenda. Engadiu a falla de prazas en centros de día para as persoas maiores están sen centros de día, ou a falla de iniciativas de protección social para as 700.000 persoas en risco de exclusión e os 170.000 galegos e galegas con privación material severa.
O portavoz socialista lembrou a desafortunada alusión de Feijóo á “triple A” -Alianza Apostólica Anticomunista- para reformular as siglas pedíndolle á Xunta que “Adapte medidas políticas que necesita Galicia e as plasme en Axudas Áxiles”.
Irse a Madrid
Álvarez afeoulle ao presidente da Xunta que empregue de novo a sesión de control para criticar ao goberno do Estado, e recomendoulle que “se quere facer oposición ao Estado podemos mandalo ao Senado en substitución de Feijóo ou Tellado, para o que fan por Galicia”, ou senón pode “presentarse nas próximas eleccións xerais”.
Lembrou o paquete de medidas aprobadas polo goberno central, que incrementa as pensións nun 8,5 por cento, aumenta o 15 por cento o Ingreso Mínimo Vital e as pensións non contributivas, reduce o IVE nos alimentos básicos, continúa cos 20 céntimos de desconto no transporte, limita o incremento dos alugueiros, bonifica o transporte de cercanías e media distancia e topa o prezo do gas.
En comparación, dixo, concluíu que a Xunta non ofrece “nada novo”, polo que “nin a mocidade, nin os maiores, nin a xente do rural ou do urbano, nin os agricultores e os pescadores, así como tampouco os traballadores por conta allea nin os autónomos, nin os homes nin por suposto as mulleres teñen a resposta que necesitan”.