O portavoz do Grupo Socialista esíxelle ao presidente da Xunta que “deixe de renunciar ás competencias en Sanidade” e inicie “as transformacións precisas” no sistema sanitario
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe a Rueda de liderar a “demolición controlada” da sanidade pública cunha xestión “corrosiva” que provoca o deterioro do sistema de saúde. Álvarez interveu na sesión de control ao presidente da Xunta, a quen acusou de “renunciar ás competencias en sanidade” e emprazouno a tomar medidas para recuperar un sistema sanitario de calidade.
Álvarez lamentou que o “presidente por accidente” da Xunta estea “máis pendente de montar bronca permanente co Estado que de procurar solucións”, cando a realidade é que a sanidade pública está “peor que hai unha década”. Situou a responsabilidade na xestión do goberno galego, que fará de Galicia a autonomía con máis déficit de médicos nos próximos anos pola falla de reposición das xubilacións.
Lamentou que o goberno galego sinale ao Estado e reclame máis prazas MIR cando a realidade é que nos últimos 5 anos Galicia veu recibindo outras tantas convocatorias récord consecutivas por parte do goberno central. Sen embargo o goberno galego, logo de renunciar a 180 prazas de formación para medicina de familia dende o ano 2009, este mesmo curso deixan sen convocar 100 prazas de profesionais sanitarios que tiñan habilitadas.
O portavoz socialista fixo un relatorio da situación crítica da sanidade pública galega, coas urxencias saturadas, esperas inéditas en primaria, unha cascada de dimisións de xefes de servizo en primaria e hospitalaria, enfrontamentos entre as xerencias e os profesionais sanitarios, e agardas “interminables” para primeira consulta ou operacións, “que o goberno nega e oculta”.
Unha situación provocada polo deterioro das condicións dos profesionais sanitarios, que teñen que asumir contratos “insoportablemente precarios”, con enfermeira que asinan máis de 100 contratos nun ano, ou facultativos que teñen que renovar o contrato “cada 2 ou 3 meses” por parte dun Sergas condenado por contratación “fraudulenta e torticeira” por sentenza xudicial.
Esta situación, dixo, está detrás das mobilizacións “intensas” da cidadanía en “decenas” de centros de saúde de toda Galicia, que inclúen aos responsables do PP de Caldas ou Moaña, que secundaron as mocións reclamando melloras no sistema sanitario. Unhas protestas que culminarán na mobilización cidadá convocada para o próximo domingo, e que onte suscitaron a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular respaldada por 50.000 sinaturas para mellorar a sanidade.
Propostas
O responsable socialista lamentou os “insultos e descualificacións” dende o goberno galego que, dixo, “non van conseguir que deixemos de facer propostas” para a mellora da sanidade pública galega, que están a ser rexeitadas en bloque polo PP. Enumerou as propostas presentadas no Parlamento, que inclúen a mellora das condicións laborais en atención primaria, a resposta sanitaria en 48 horas en primeira consulta, ampliar categorías laborais ou recuperar as xerencias, todas elas rexeitadas polo PP.
Lembrou que Galicia conta coa peor ratio de profesionais en saúde mental de todo o Estado, a pesares do que o PP rexeitou as propostas para implantar esta especialidade en cada área sanitaria ou incorporal á atención primaria, mentres “aproban pero incumpren” reclamar un plan para igualar o persoal de Saúde Mental co resto do Estado.
Tamén rexeitaron un plan de choque contra as listas de agarda en atención hospitalaria, recuperar o déficit de diagnóstico oncolóxico sufrido durante a pandemia e un programa de servizos mínimos comarcais. No canto á formación de profesionais, lembrou que o PP ten rexeitado as propostas do Grupo Socialista para aproveitar a convocatoria íntegra de prazas habilitadas e esgotar a taxa de reposición de profesionais da sanidade.