O portavoz do Grupo Socialista lembra que ao presidente da Xunta “non o elixiron os galegos e galegas” e emprázao a plantexar “que Galicia enteira opine sobre a situación actual” e convoque aos cidadáns ás urnas
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe a Rueda de “poñer Galicia ao servizo dos intereses do PP”. Nas sesión de control ao presidente da Xunta no Pleno do Parlamento, cuestionou a autoridade dun presidente ao que “non elixiron os galegos e as galegas” logo dunha crise de goberno imposta pola elaboración das listas electorais do 23X, que evidencia que “pon o goberno a disposición das necesidades de Feijóo”.
Lembrou que a Rueda “cámbianlle o goberno” que el mesmo “non elixiu”, ao tempo que apuntaba á súa falla de lexitimidade como presidente cun cargo herdado pola marcha de Feijóo a Madrid. Neste punto, plantexou se “non sería mellor que Galicia enteira opinase sobre a situación actual” e convocara aos cidadáns ás urnas.
Así o dixo logo de subliñar a falla de compromiso con esta Comunidade Autónoma por parte do anterior presidente da Xunta e actual candidato do PP, que logo de presentarse ás eleccións autonómicas baixo o lema “Galicia, Galicia, Galicia”, pechou o seu paso polo Senado “presentando tan só 5 iniciativas, e ningunha delas relacionadas con Galicia”.
Álvarez contrastou os resultados favorables a Galicia por parte do goberno de Pedro Sánchez, que son respondidas cunha crítica frontal por parte do PP e do goberno galego, coa falla de compromiso amosado durante a etapa de Rajoy, na que Feijóo “non defendeu a Galicia” na etapa dura dos recortes.
Lamentou a oposición sistemática “sen argumentos e coa crítica absurda” nun “discurso baleiro e cheo de enganos” para rexeitar as medidas de reposta á crise, incluíndo as medidas de contención dos prezos da enerxía, a posta a disposición de 1.300 vivendas o fomento do alugueiro ou o paraugas social despregado para protexer á cidadanía.
Sen embargo, afeoulle que non dixeran nada cando Rajoy recortaba 4.600 millón en Dependencia, 10.000 millóns en Educación, triplicaba o IVE na maioría de produtos e marxinaba a Galicia co segundo investimento máis baixo en 14 anos.
Maior investimento estatal
Contrastou coa xestión do goberno de Sánchez, que converteu a Galicia na quinta autonomía con maior investimento, aumentando un 32 por cento con respecto ao goberno anterior. Explicou que esta Comunidade Autónoma “recibe 23 millóns de euros ao día para a seu financiamento” ademais de conectar Galicia con Madrid a través de AVE, concedeulle a sede da Axencia de Intelixencia Estatal, e converteuna na quinta Comunidade Autónoma que recibiu máis fondos europeos.
Contrastou esta xestión coa falla de compromiso dos gobernos de Feijóo e Rueda, que “non saben executar o que teñen”, deixando sen gastar os fondos do Plan de Recuperación, dos que non dan explicacións e dos que “non sabemos cando, nin como nin para quen” os teñen xestionado.