O portavoz do Grupo Socialista lamenta o “amor por Galicia low cost” do PP porque “non queren contratar” máis persoal sanitario
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “desplumar” ao sistema sanitario público e emprazouno a renunciar á rebaixa do imposto aos ricos para empregar os 33,4 millóns de euros para o reforzo da Atención Primaria. Álvarez empregou a sesión de control ao presidente para reclamar que “corrixan” a falla de recursos na sanidade pública.
O responsable socialista lamentou que o presidente da Xunta e o PP profesen un “amor por Galicia” que cualificou de “low cost” porque “non queren contratar máis persoal para a sanidade pública”. Esta situación, dixo, obrigoulles a corrixir sobre a marcha o sistema de vacinación da cuarta dose da covid “cando se deron conta de que 15 días despois non foron quen de vacinar á metade da poboación obxectivo por non contratar máis persoal”.
Álvarez reclamoulle ao presidente da Xunta que poña sobre a mesa “medidas urxentes” para resolver a situación da sanidade pública, provocadas pola “decisión ideolóxica” de beneficiar ao sector privado prexudicando á sanidade pública ou pola súa “falla de capacidade” á hora de darlle resposta ás necesidades de Galicia.
Retrucoulle ao presidente da Xunta sinalando que “tremendismos os xustos: tremendos os datos que publicou a prensa sobre as listas de espera” e as “realidades” que debullou a xerente do Sergas nunha entrevista esta fin de semana. Sinalou que Galicia viu un incremento drástico nas listas de agarda entre 2019 e 2022, con 30.000 máis para consultas, 12.000 máis para cirurxías e 32.000 para probas diagnósticas, con agardas de 4 meses en saúde mental.
O portavoz do Grupo Socialista debullou o deterioro da sanidade pública en Galicia cos propios datos da Xunta, que apuntan que ten pasado do posto 12 ao 14 do Estado en médicos de Atención Primaria por 1.000 habitantes, e pasou de ser a novena autonomía en gasto sanitario por habitante a ocupar o posto 12. Mentres, afeoulle ao presidente da Xunta que trampee ao ofrecer datos de consultas comparados co ano pasado, cando estas estaban limitadas pola covid.
Xerente do Sergas
E neste contexto, lembrou, a propia xerente do Sergas alerta de que “non vai haber pediatras”, mentres só cubren o 85 por cento das prazas, ao contrario de autonomías limítrofes con condicións semellantes, como Asturias, Castela e León ou Cantabria. A mesma directiva apuntaba que “non todas as citas teñen que darse no día”, cando hai crónicos sen ser atendidos en 6 meses, e puntualizou que “entre dar cita ao día seguinte e tardar 15 días hai bastantes termos medios”.
Álvarez reclamoulle ao presidente da Xunta que responda das afirmacións da responsable do Sergas, que en opinión do responsable socialista “a única solución que ofrece é sobrecargar ao sistema sanitario sen dotalo de máis persoal”. Responsabilizou ao goberno galego da escasa capacidade de contratar persoal sanitario ao impoñer peores condicións laborais que no resto do Estado.
Explicou que entre 2017 e 2020 España teña rexistrado 22.796 médicos colexiados máis, e o goberno estatal ten duplicado xa as prazas MIR convocadas durante toda a etapa de Mariano Rajoy. Sen embargo advertiu que as novas incorporacións de sanitarios “nunca benefician a Galicia” pola falla de condicións laborais axeitadas por parte do goberno galego.
Imposto do Patrimonio
Luis Álvarez reclamoulle a Rueda que renuncie á rebaixa do imposto do Patrimonio aos máis ricos, que suporá a perda de 33,4 millóns de euros para as arcas públicas, e destine eses fondos a reforzar a sanidade pública, e sinaladamente a Atención Primaria. Lembrou que de acordo cos datos ofrecidos polo goberno galego na presentación dos Orzamentos, a Atención Primaria só aumentará un 2,4 por cento fronte ao 8,5 por cento que incrementarán as contas de media.