Leticia Gallego alerta de que a Xunta reduciu o orzamento da Axencia en 12 millóns, deixando a partida en 197 millóns, “insuficiente para a gran transformación dixital que Galicia necesita”
A viceportavoz do Grupo Socialista e portavoz de I+D+i, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que reforce o orzamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -Amtega-, para apuntalar unha “aposta potente e rotunda pola transformación dixital”.
A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que alerta da redución do orzamento da Axencia en 12 millóns de euros, que disporá en 2023 duns 197 millóns de euros “insuficientes para a gran transformación dixital que necesita a nosa terra”. Alertou de que o desleixo da Xunta sitúa a Galicia en risco de perder o tren da nova transformación dixital, encabezada pola implantación do 5G.
Gallego urxe ao Executivo a tomar en serio a nova dixitalización, “e máis agora, coas consecuencias que tivo a pandemia sobre as tecnoloxías, a investigación e a innovación”. Alertou de que Galicia “debe estar á cabeza” da implantación do 5G, así como das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a big data, a automatización de procesos, a robótica, a realidade virtual e aumentada, a impresión 3D ou os drons, entre outros.
Explica o impacto significativo sinaladamente do 5G na mellora da competitividade, a produtividade, a eficiencia no uso dos recursos produtivos ou na maior calidade ou rendemento dos produtos ou servizos xerados nos distintos sectores económicos. A perda desta oportunidade, sinala, suporá “serias debilidades no obxectivo de sentar as bases dunha recuperación económica sólida”.
Urxiu ao Executivo autonómico a facer unha aposta “potente e rotunda” pola dixitalización e por superar a baixa produtividade, o gasto reducido en I+D+i, a insuficiente implementación da dixitalización ou deficiencias no mercado de traballo, que lastran o desenvolvemento económico de Galicia.