A voceira de Comercio e Turismo do Grupo Socialista critica a “improvisación constante” do executivo autonómico cando “pon parches, en vez de salvar ao sector”, que “non sabe canto tempo poderá soportar os números vermellos”
Leticia Gallego, voceira de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, vén de instar á Xunta a levar a cabo un “plan de rescate serio e ambicioso” para o sector da hostalería, xa que “as axudas son insuficientes, pouco áxiles e carecen dun criterio de reparto xusto e equitativo”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei que será votada mañá.
“Sete de cada dez empregos perdidos en Galicia durante 2020 estaban en bares, restaurantes ou aloxamentos”, sinalou a socialista, quen destacou que no último ano a caída de persoas traballadoras en alta foi do 1,7%, con máis de 16.500 persoas ocupadas menos, das cales 12.000 correspondían a este sector.
Así, subliñou, “no último ano, dous de cada dez establecementos de hostalería de Galicia víronse obrigados a baixar a persiana definitivamente”, o que confirma que “a pandemia está destruíndo a maioría dos empregos neste sector” que “non sabe canto tempo poderá soportar os números vermellos” producidos pola pandemia.
Gallego lamentou as escasas axudas ao sector por parte da Xunta, quen aprobou un primeiro plan de axudas por valor 17 millóns de euros, “cando as transferencias extraordinarias do Estado no 2020 acadaron a contía de 745 millóns de euros”.
Así, censurou tamén “o segundo plan de axudas, dotado de 12 millóns de euros”, xa que “tampouco responde ás necesidades do sector” e, ademais, a día de hoxe, “aínda non se comezou a pagar”. “A Xunta pon parches, en vez de salvar á hostalería”, sentenciou.
Esta situación ocorre ao tempo que o goberno de España transferiu á Xunta o pasado ano 735 millóns de euros, dos que 224 foron “a fondo perdido” para as persoas afectadas “pola caída da actividade económica”. “Onde están estes cartos? Por que non se utilizaron para o rescate de sectores como a hostalería?”, preguntou a socialista.
Ademais, Gallego subliñou que este ano o goberno galego “percibirá outros 441 millóns dos fondos REACT-UE co mesmo obxectivo”, co que “deben utilizarse para rescatar á hostalería”.
A XUNTA TEN QUE ASUMIR AS SÚAS COMPETENCIAS
Nesta liña, a voceira socialista instou á Xunta a asumir ás súas competencias. “Ten recursos para facelo e a colaboración do goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica”, subliñou.
Finalmente, a responsable socialista pediu ao goberno galego “solucións inmediatas” e “moitos máis recursos” para o sector, xa que “non pode seguir agardando máis”. “A situación actual debuxa un panorama escuro e, polo de agora, non se coñece ningún plan de rescate por parte do goberno galego, a pesar de que a Xunta ten orzamentos” que ascenden a 11.500 millóns de euros, “grazas, en parte, ao goberno central”.