A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, anunciou hoxe que o curso parlamentario comezará presentando unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta axudas directas ao sector hostaleiro a curto e longo prazo. Gallego mantivo un encontro no Parlamento coa Plataforma Galega en Defensa da Hostalería, no que tamén participou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena.
A responsable socialista esixiulle á Xunta que tome a iniciativa para reparar o dano que lle ten suposto ao sector a xestión caótica levada a cabo ata o momento. Lembra que a improvisación do goberno galego ten acadado o seu punto culminante no momento en que o TSXG desbotou o seu pasaporte covid.
O propio tribunal criticara a medida sinalando que “nin é idónea, nin necesaria nin eficaz”, que “demoniza á hostalería”, que carece de seguridade xurídica e que ademais “non soluciona nada”. Gallego censurou que a Xunta “foise de vacacións sen pedir autorización xudicial”, co que “os xuíces tiráronlle das orellas” por pretender impoñer un requisito de acceso á hostalería “saltando os dereitos e liberdades sen autorización xudicial”.
Gallego reclama “medidas estables de apoio ao sector”, cun plan de rescate inmediato e unha liña de axudas para os establecementos que seguen pechados, ademais dun plan de reactivación a longo prazo e adecuar as restricións á situación da pandemia.
Os representantes da Plataforma amosaron o seu descontento coa “incoherencia” e as “ocorrencias” das políticas da Xunta respecto da desescalada na hostalería, que cualificaron de “chapuza” e “improvisación”.