A deputada socialista e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, alertan da “alta siniestralidade” e os “importantes problemas de tráfico” que xera a morfoloxía actual da rotonda “de titularidade autonómica”
A deputada socialista pola provincia de Pontevedra, Leticia Gallego, visitou hoxe Gondomar na compañía do seu alcalde, Paco Ferreira, para urxir á Xunta de Galicia a remodelación da rotonda de Elduayen, de xeito que permita reducir a “alta siniestralidade”, así como os “importantes problemas de tráfico” que xera a rotonda.
“Esiximos á Xunta a reconfiguración desta zona para mellorar o espazo urbano da vila de Gondomar”, sinalou a socialista, quen subliñou que esta proposta xa fóra trasladada ao goberno autonómico nas emendas aos orzamentos da Xunta de 2021, pero “foi rexeitada pola Xunta”. Ante isto, o PSdeG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para esixir ao executivo esta “demanda histórica”.
Gallego lamentou que a morfoloxía actual da estrada “non permite movementos fluídos”, xa que o diámetro da rotonda impide xirar aos vehículos grandes; dispón dun espazo “mínimo” no carril de tráfico que impide a entrada e a circulación de varios coches ao mesmo tempo; e ademais carece de carril de desvío do tráfico en caso de aumento de afluencia.
Neste senso, a responsable socialista destacou que este punto é “unha encrucillada clave para a vila e para o Val Miñor en xeral, xa que, no verán, concentra gran parte do tráfico que vai cara ás praias de Nigrán e Baiona”, co que “urxe unha solución” que permita unha mellor mobilidade na zona.
Finalmente, Gallego pediu á Xunta que “asuma as súas responsabilidades” con respecto a unha rotonda que está na avenida Elduayen, situada na confluencia da PO-331 e da PO-340, “ambas estradas de titularidade autonómica”. “É preciso garantir unha mobilidade segura”, semtenciou a socialista.