Propón abordar o turismo rural “de xeito integral” e “como vector de riqueza” para loitar contra o despoboamento
Reivindica o “traballo colectivo” realizado por institucións públicas e, fundamentalmente, polo sector turístico durante a pandemia: “fixeron un gran esforzo”
A voceira de Turismo do Grupo Socialista urxiu, hoxe, á Xunta a impulsar a tranformación dos destinos turísticos cara a sustentabilidade e dixitalización. Fíxoo, hoxe, trala comparecencia do vicepresidente da Xunta no Pleno do Parlamento.
“O goberno da Xunta ten que decatarse dunha vez de que o sector turístico galego non pode estar só condicionado ao Xacobeo”, subliñou Gallego antes de incidir en que “a riqueza turística do noso país é moi grande”.
Ao fío disto, pediu ao goberno galego que arranxe “o problema dos xeodestinos”, xa que a “confusión” xerada pola Xunta “réstalle eficacia á hora de converterse en instrumento impulsor do turismo”. Ademais, tendo en conta que Galicia é unha das comunidades con maior oferta balnearia, sinalou que “é preciso” contribuír ao desenvolvemento das vilas termais e “colaborar na renovación” da oferta termal e na posta en marcha de novos proxectos no sector.
Nesta liña, propuxo abordar o turismo rural “de xeito integral” e “máis alá da simple e única consideración dos aloxamentos” como ten feito ata o de agora o goberno galego. “Temos que empregar o turismo como vector de riqueza que permita poñer en valor o rural e loitar fronte ao despoboamento, aproveitando o efecto chamada e a nova sensibilidade cara ao rural” xerada durante a pandemia, sentenciou a socialista.
En canto ao Xacobeo, a responsable socialista pediu ao goberno galego que mellore a accesibilidade dos albergues e revise a conservación dos diferentes camiños cando “existen tramos que están en malas condicións” como, por exemplo, en Vilaboa ou Mos, e tendo en conta que “nos orzamentos de 2022 para Turismo teñen consignados máis de 7 millóns de euros” para este fin.
A TEMPADA DE VEŔAN, UN ÉXITO FROITO DO “TRABALLO COLECTIVO”
Noutro orde de cousas, a socialista aplaudiu o “traballo colectivo” realizado por administracións, concellos, deputacións, comunidades autónomas, goberno de España e, por riba de todo, ás e aos profesionais da sanidade e do sector da hostalaría cando fixeron un “gran esforzo” para “que a tempada de verán fose ben” xa que souberon “adaptarse en tempo récord ás máis estritas esixencias sanitarias” para o control da pandemia.
“É un logro de todos e de todas”, concluíu.
O IMPULSO DO GOBERNO DE ESPAÑA
Por último, Gallego reivindicou o impulso do goberno de España ao sector turístico ao lembrar que o Executivo central puxo en marcha este ano o Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022 que deixará un investimento de 25 millóns de euros en Galicia e 121 millóns de euros para todo o territorio nacional para impulsar o Camiño de Santiago.
Ademais, a maiores, o Ministerio de Turismo achegará 42 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano para Galicia.