A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle á Xunta que desbloquee as axudas dirixidas ás asociacións de comerciantes de Galicia. Así o dixo logo dun encontro coa recén constituída Federación do Comercio de Vigo, integrada por 7 asociacións de comerciantes da cidade.
A responsable socialista trasladará ao Parlamento a situación destas organizacións, en precario logo dun ano de pandemia sen apenas ingresos por parte dos asociados, o que as deixa sen apenas recursos para desenvolver o seu traballo, fundamentalmente a organización de campañas e información aos comerciantes.
Ademais, denuncian que a maioría dos comerciantes quedaron excluídos das axudas prevista no Plan de Rescate da Xunta debido aos requisitos impostos polo goberno galego. Gallego anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para coñecer a eficacia real das medidas anunciadas pola Xunta, á que acusou de centrarse en “medidas de márketing baleiro de contido”.