Advirte de que “un posible cambio a un sistema de adxudicación de concorrencia non competitiva poría en risco o acceso á subvención de todas as asociacións e federacións de comerciantes”
A voceira de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, urxiu hoxe á Xunta a convocatoria de subvencións para o tecido asociativo do sector do comercio no ano 2022 mediante o sistema de concorrencia competitiva. Fíxoo, despois de manter unha xuntanza coa federación de comercio e hostalaría Vigo Comercio.
“Problemas estruturais, dous anos de pandemia e agora as consecuencias da guerra de Ucraína poñen ao sector do pequeno e mediano comercio nunha situación complexa”, alertou a socialista, tras sinalar que as asociacións e federacións de comerciantes “están preocupadas” pola emisión da orde de subvencións para este ano, xa que “teñen medo de que volva acontecer o do ano pasado, cando non se fixeron efectivas as subvencións ata o mes de novembro”.
Se isto acontecese novamente, incidiu, “as asociacións do sector do comercio non poderían planificar as accións a levar a cabo con tempo suficiente, ademais de ter que xustificalas, outra vez, nun curto espazo de tempo, o cal xera improvisación e isto é o que menos precisan neste momento de crise económica”, sinalou a socialista.
Neste marco, alertou de que “outra das preocupacións” do asociacionismo é o cambio de sistema na adxudicación das subvencións que ata o de agora se facían por concorrencia competitiva.
“Un posible cambio a un sistema de adxudicación de concorrencia non competitiva poría en risco o acceso á subvención de todas as asociacións e federación de comerciantes, centros comerciais abertos, mercados e prazas de abastos que se presentasen, o que faría que moitas delas desaparecesen”, concluíu a socialista, quen presentou hoxe no Parlamento unha batería de iniciativas para abordar esta cuestión.