A parlamentaria socialista Leticia Gallego cualificou hoxe de “decepcionantes” os Orzamentos da Xunta para a cidade de Vigo, por canto “carecen de proxectos novos” e “nacen coxos para as necesidades da cidade”. Así o dixo logo de coñecer o proxecto de Orzamentos para 2021 presentado hoxe no Parlamento que “non presentan alternativa algunha no ámbito cidadá e defraudan á cidade e á sociedade de Vigo”.
A parlamentaria viguesa lamentou que o goberno galego se teña que esmerar en pagar o canon á empresa privada que xestiona o Hospital Álvaro Cunqueiro e “demostra que aínda fallan por pagar 560 millóns de euros dun proxecto construtivo que ascendía a 330 millóns”. Chamou a “abrir unha reflexión” sobre o carácter privado do centro hospitalario e esixiulle ao PP que “lle explique á cidadanía onde está o desfase de diñeiro” entre o custe do proxecto e o pago real á empresa.
Gallego criticou o “retraso notable” do goberno galego no proxecto da Cidade da Xustiza de Vigo, “a última de Galicia” cun proxecto que ademais dun “retraso notable” e ademais carece de aparcadoiro que “vai ser un problema no momento en que empece a funcionar”. Ademais, o goberno galego demostra “racanería” no proxecto da Estación Intermodal, cofinanciado entre Concello, Estado e Xunta e no que esta última é a que menos fondos dedica.
Finalmente, subliñou o investimento de 8 millóns de euros para solo residencial en Navia, que a Xunta destinará a adquirir os terreos, “pero que logo reverterán na Administración autonómica no momento en que se vendan as vivendas”.