Lamenta a baixa execución nos orzamentos de turismo da Xunta mentres o Goberno de España multiplicou un 1.143 por cento o orzamento e destinou a Galicia 200 millóns de euros dende 2020
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, esixiulle á Xunta que mude as políticas de turismo para acadar un modelo desestacionalizado que permita atraer “cantidade e calidade turística”. Gallego interveu na comparecencia no Parlamento da directora da Axencia de Turismo de Galicia, a quen reclamou un modelo que mire ao futuro e aposte pola innovación.
Alertou de que a Xunta de Galicia “non pode condicionar ao sector turístico galego só ao Xacobeo, e reclamou recursos para camiñar cara un sector “innovador, sustentable, dixital e competitivo”, que “debera xogar un rol clave na recuperación económica e social da nosa terra”. Reclamou un sector “xerador de emprego digno” e que funcione como “fonte de riqueza, estabilidade e cohesión territorial e social”.
Gallego criticou que o goberno galego deixou sen executar na Lexislatura pasada un total de 16 millóns de euros no programa de Turismo, e neste exercicio van polo mesmo camiño, por canto na primeira metade do ano tan só executaron o 14 por cento do programa de Promoción do Turismo. Advertiu que iniciativas como o Bono quedamosenGalicia22 constitúe a mostra da incapacidade da Xunta de avanzar na desestacionalización.
Sinalou que aquela iniciativa resulta “mínima” para o tamaño do reto, ademais de que a edición do ano pasado rexistrou un rosario de problemas, con problemas técnicos de acceso á plataforma virtual que canalizaba as solicitudes, deixando fóra a “centos de persoas”. Esixiulle ao goberno galego que poña enriba da mesa “tódolos medios humanos e materiais precisos” para garantir que a inscrición se desenvolva con normalidade no caso de que decidan volver convocalo.
Gallego explicou que a recuperación turística “foi posible en gran parte grazas ás políticas impulsadas por tódalas administracións públicas”, incluíndo a concellos, deputacións e ao “gran traballo do Goberno de España”. Lembrou o “investimento sen precedentes” dende o Estado no turismo galego, que recibiu 200 millóns de euros entre 2020 e 2023, que continúa coa reserva de 21 millóns de euros para destinos en Galicia da convocatoria dos Plans de Sostenibilidade Turística.
A responsable socialista emprazou á Xunta a unirse á aposta decidida pola innovación no turismo que está a despregar o Estado, que entre 2018 e 2023 incrementou o orzamento en turismo nun 1.143 por cento, e alertou do risco de “quedar atrapados no pasado por culpa do goberno galego”
Luces de Nadal
Leticia Gallego reivindicou o éxito da campaña turística de Nadal de Vigo, que se ten consolidado como “o acontecemento que máis contribúe á desestacionalización do turismo de Galicia”, liderando o empuxe do turismo a nivel nacional no mes de decembro. E todo isto, dixo, “sen que a Xunta de Galicia aporte nin un só euro, nin promoción, nin nada de nada”, malia o que se teñen achegado ao millón de pernoctacións.