Resalta a necesidade de crear escolas infantís como “elemento fundamental” para promover a corresponsabilidade e a conciliación familiar e laboral
A deputada viguesa Leticia Gallego pediu hoxe ao goberno galego que financie “na súa totalidade” a nova escola infantil de Chapela. Fíxoo, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao goberno galego para urxir a realizar esta actuación con cargo aos case 35 millóns de euros que vai recibir do goberno central para a creación de 3.417 prazas para alumnado de cero a tres anos.
Trala conmemoración na xornada de onte do 8M, a dirixente socialista resaltou a necesidade de crear escolas infantís como “elemento fundamental” para promover a corresponsabilidade e a conciliación familiar e laboral, tendo en conta ademais que “nos últimos anos se incrementou de forma notable a demanda de prazas públicas”.
“O goberno municipal de Redondela solicitou en varias ocasións á Xunta a construción dunha escola infantil”, reivindicou a socialista, quen lembrou que o concello só dispón dunha escola da Xunta de Galicia cando o Executivo autonómico “ten as competencias” nesta materia.
Ao fío disto, Gallego sinalou que o Grupo Socialista xa trasladara á Xunta, a través das emendas aos Orzamentos de 2022, a demanda desta escola. A emenda foi rexeitada polo goberno da Xunta, o que pon de manifesto, incidiu, “o mínimo interese” na construción desta infraestrutura e o “nulo interese” na busca da conciliación familiar e laboral por parte da Xunta, pese a que a súa posta en marcha na Finca de Ginaria é “unha demanda da cidadanía dende hai anos”.