Reclámalle á Xunta que explique a previsión orzamentaria dunha infraestrutura “necesaria” para o municipio
A parlamentaria socialista Leticia Gallego presentou hoxe en Mos unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta explique a previsión de execución do polígono industrial da Arrufana, situado en Louredo, no Concello de Mos.
“Non sabemos nada sobre a construción do polígono industrial da Arrufana”, denunciou a responsable socialista, logo de visitar a zona onde previsiblemente debera situarse esta infraestrutura xunto coa portavoz socialista de Mos, Victoria Alonso, e concelleiras e concelleiros, e militantes socialistas.
Dende este enclave, Gallego lembrou o compromiso da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que o 1 de setembro do ano pasado visitou Mos para anunciar a posta a disposición de medio millón de metros cadrados de solo industrial na zona, pero censurou: “dende o goberno galego continúan coa súa política de propaganda: anuncian e anuncian, pero logo non fan nada”.
Neste sentido, a deputada destacou que “os veciños e veciñas desta vila teñen que ter información actualizada da situación na que se atopa esta nova e necesaria zona industrial”.
Por iso, requiriulle ao goberno galego que dea “cumprida información” da fase na que se atopa o proxecto, a previsión de investimento, así como en que partida e programa orzamentario se atopan incluídos nos orzamentos deste ano 2022.