Avanza unha batería de iniciativas para pedir que o goberno galego financie ese novo centro con cargo aos case 35 millóns de euros que vai recibir do goberno central para a creación de 3.417 prazas para alumnado de cero a tres anos
A deputada socialista Leticia Gallego anunciou esta mañá en Redondela a presentación dunha serie de propostas no Parlamento autonómico para instar á Xunta de Galicia a que atenda a demanda para construír unha nova escola infantil en Chapela.
Acompañada pola alcaldesa do municipio, Digna Rivas, a parlamentaria do PSdeG explicou que se lle vai reclamar ao goberno galego que asuma na súa totalidade o financiamento dese novo centro. Para iso, mediante unha proposición non de lei, proponse que se empreguen os case 35 millóns de euros que a Xunta vai recibir do goberno central para a creación en Galicia de 3.417 prazas para alumnos e alumnas de cero a tres anos.
Desta maneira, Leticia Gallego agarda que Feijoo “invista dunha vez por todas neste concello”, logo de que o PP rexeitase unha emenda do PSdeG aos orzamentos de 2022 na que precisamente se lle pedía unha partida para a este novo centro. Esta circunstancia “pon de manifesto o mínimo interese da construción desta escola infantil en Chapela por parte do goberno galego”.
Neste contexto, insistiu en reclamarlle á Xunta que “aposte por esta vila e que deixe de ter abandonado ao municipio de Redondela”, tal e como se evidencia nos orzamentos deste ano, nos que “non hai ningunha partida para o concello, o que constitúe un auténtico escándalo”.
DEMANDA VECIÑAL E DO CONCELLO DE REDONDELA
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Leticia Gallego lembrou a importancia deste tipo de infraestruturas para a conciliación familiar e laboral, que “constitúe unha problemática na sociedade actual”. Así, salientou que un dos elementos fundamentais para facilitala é a oferta de prazas públicas. “Ese é”, afirmou, “un dos motivos polos que nos últimos anos se incrementou de forma notable a demanda de prazas públicas nas escolas infantís”.
No caso de Redondela, o Concello xa solicitou en varias ocasións á Xunta de Galicia a construción dunha escola infantil en Chapela, “un proxecto que debería asumir o Executivo autonómico porque as competencias son súas”. Asemade, Gallego indicou que a posta en marcha na Finca Ginaria de Chapela dunha escola infantil “vén sendo unha demandada da cidadanía desde hai anos” para facilitar a conciliación laboral e familiar da veciñanza de Redondela.
Con este obxectivo, Leticia Gallego lembrou que, dentro das medidas postas en marcha polo goberno central para mitigar o impacto económico e social da covid, o goberno de España activou o “Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”, cos fondos Next Generation como “unha ocasión extraordinaria para o seu desenvolvemento”.
Unha das políticas panca dese Plan está centrada na educación, onde se marca como un dos obxectivos a creación de prazas de titularidade pública no primeiro ciclo de educación infantil co fin de reducir as desigualdades de acceso e participación asociados ao nivel socioeconómico da familia. Outro aspecto fundamental é o papel que xogan os equipamentos de educación infantil para facilitar a conciliación familiar e a incorporación ao mercado laboral.
Así, o pasado mes de novembro aprobouse o reparto de máis de 670 millóns de euros entre as comunidades autónomas para a creación de máis de 65.000 prazas públicas de educación infantil de 0-3 anos. Desta cantidade, a Xunta de Galicia recibirá case 35 millóns de euros para a creación de 3.417 novas prazas de educación infantil entre os anos 2021 e 2023.
“Trátase”, afirma a deputada socialista, “dunha oportunidade inmellorable para que a Xunta de Galicia dea resposta á esta demanda por parte do Concello e da cidadanía de Redondela”. Por iso, ante a chegada a Galicia deses fondos, desde o Grupo Parlamentario Socialista “solicitamos que sexa a Xunta de Galicia a que financie con cargo a eles a creación desta nova escola infantil en Chapela”.