A deputada socialista critica o “agravio” do goberno galego cos concellos doutra cor política trala confirmación por parte de Portos de Galicia da súa negativa a un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio
Leticia Gallego vén de lamentar o veto da Xunta de Galicia á construción do acceso sur ao Porto da Guarda. Fíxoo, hoxe, trala presentación dunha pregunta á presidenta de Portos de Galicia, quen confirmou que o goberno galego non desenvolverá un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio.
A responsable socialista criticou o “agravio” do goberno galego cos municipios doutra cor política ao paralizar o desenvolvemento de diferentes infraestruturas, como é o caso do acceso sur ao Porto da Guarda. “Que non se realice este proxecto a quen prexudica é, principalmente, aos mariñeiros, as redeiras e á veciñanza da Guarda”, sentenciou a socialista.
“A Guarda ten un porto pesqueiro que, na actualidade, carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552”, sinalou a socialista, quen incidiu en que “isto dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente, os pesados”.
Así, lembrou que a necesidade de mellorar a comunicación do porto “xa vén de vello”, xa que o PXOM de 1993 “contemplaba un novo acceso ao Porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro” cando, “ademais da pesca e do traballo das redeiras, existen outras actividades importantes para o tecido económico da vila”.
De feito, a socialista destacou que o proxecto ten o aval de diversas asociacións guardesas como ORPAGU, Piueiro, Alagua ou a Confraría de Pescadores, ademais de que conta co impulso do propio Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.
Gallego sinalou que o custe da infraestrutura, que suporía un investimento aproximado de 2,4 millóns de euros, “debe ser asumido conxuntamente” pola administración municipal e pola Xunta de Galicia. Ademais, incidiu na “necesaria colaboración da administración autonómica” cando a obra precisa un declaración de interese supramunicipal por non estar prevista no PXOM.
Por último, a responsable socialista subliñou a importancia desta infraestrutura, tendo en conta que “a actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai ir a menos”, senón que “a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.