A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de lamentar a negativa da Xunta a reparar as beirarrúas da PO-552, nos tramos de Priegue e A Ramallosa –Nigrán-, que están “totalmente abandonadas” logo de 30 anos despois da súa construción. A responsable socialista presentou esta demanda a través dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe en Santiago.
Gallego denunciou a “falla de vontade política” amosada polo goberno galego coa situación deste Concello, logo de negarse a aceptar as emendas socialistas aos Orzamentos que incluían esta actuación, que tampouco quixeron incluír no Plan de Seguridade Viaria para a zona. Acusa á Xunta de facer caso omiso tanto das emendas presentadas polo Grupo Socialista no Parlamento como das alegacións do Concello ao proxecto.
As beirarrúas destes tramos de titularidade autonómica son “totalmente inaccesibles, están rotas, con tramos inexistentes e con elementos que entorpecen o paso de calquera cadeira de rodas ou carro de bebé”, tal e como vén alertando o Concello “ano tras ano” sen acadar resposta do goberno galego.
Discriminación
A responsable socialista sinalou que o tratamento ao Concello é un exemplo mais da discriminación por parte do goberno galego aos gobernos locais en función da súa cor política, e esixiu “igualdade e equidade para todos os concellos de Galicia, independentemente da cor política do seu alcalde ou alcaldesa”. A situación chegou ao estremo de que o Concello de Nigrán tivo que pedir a titularidade da Rúa Otero Pedrayo de Panxón para reparar a vía con 1,6 millóns de euros propios.
Denunciou o “agravio con outros concellos”, como o caso de A Guarda, Nigrán, Porriño, Vigo, Moaña ou Cangas, que seguen sen contar co apoio do goberno galego “non quero pensar que é pola súa cor política”. Sinalou neste sentido que a Axencia Galega de Infraestruturas ten investido 14,29 millóns de euros en concellos do PP por tan só 280.000 euros en concellos socialistas.