Pide ao Executivo galego que poña en marcha esta infraestrutura cos fondos que recibirá do goberno de España para a creación en Galicia de 3.417 prazas públicas de 0 a 3 anos
A deputada socialista Leticia Gallego vén de instar á Xunta de Galicia a que asuma a cesión da antiga Escola Unitaria de Atios, a través dun convenio de colaboración co Concello de Porriño, para poñer en marcha unha nova escola infantil no municipio. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas neste sentido no Parlamento.
“Porriño é unha das vilas coa taxa de natalidade máis alta de Galicia e as prazas dedicadas a Educación Infantil no concello a día de hoxe son insuficientes”, reivindicou a dirixente socialista, quen incidiu na “problemática” que existe con respecto á conciliación familiar e laboral na sociedade actual. “Un dos elementos fundamentais para facilitala é a oferta de prazas públicas”, sentenciou.
Neste contexto, propuxo crear unha nova escola infantil no rehabilitado inmoble da Escola Unitaria, xa que ademais “diversificaría xeograficamente a oferta de prazas ao longo do termo municipal e daría servizo a todos os porriñeses e porriñesas, especialmente nas zonas de Atios e Budiño”, dado que as escolas infantís Galiña Azul que xa existen están noutras parroquias.
Con todo, Gallego pediu ao Executivo galego que poña en marcha esta infraestrutura aproveitando os fondos que recibirá Galicia por parte do goberno de España provenientes do ‘Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia’ para a creación en Galicia de 3.417 prazas públicas para nenas e nenos de 0 a 3 anos.