Pide ao goberno galego que convoque “de forma inmediata” cursos de formación en protocolo covid para o persoal, xa que “a hostalaría está desesperada”
A voceira de Hostalaría do Grupo Socialista, Leticia Gallego, instou hoxe á Xunta a prorrogar dous meses o período de adaptación da hostalaría á nova normativa. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia.
Ao fío disto, Gallego pediu ao goberno galego que convoque “de forma inmediata” cursos de formación en protocolo covid para o persoal do sector, co obxectivo de que estes se poidan formar o antes posible, xa que “a día de hoxe os locais deste sector non están cumprindo a normativa porque a citada formación non está convocada” por por parte da Xunta.
Ante esta situación, “a hostalaría está desesperada”, incidiu Gallego quen pediu “tempo” para que os locais poidan adaptarse ás novas esixencias do goberno galego.
“A Xunta debería ampliar o período para a implantación do novo Plan de Hostalaría Segura para que, deste xeito, os traballadores e traballadoras poidan facer o curso de formación correspondente e tamén os locais poidan adaptarse a toda a normativa e decidir con máis marxe de tempo a que nivel quere acollerse”.
Cando entramos nunha nova etapa desta pandemia con máis do 80% da poboación galega vacinada, incidiu Gallego, “temos que camiñar cara menos restricións para a hostalaría para dinamizar a economía e darlle un impulso ao sector”. “Non máis improvisación cun sector que está sufrindo tanto con esta pandemia”, concluíu.