A deputada socialista recolleu hoxe as demandas do Concello nunha visita ao municipio acompañada polo alcalde Paco Ferreira
A deputada socialista Leticia Gallego anunciou hoxe que rexistrará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandarlle á Xunta que leve a cabo actuacións de mellora e acondicionamento nas estradas de titularidade autonómica no municipio de Gondomar.
Fíxoo tras realizar unha visita ao municipio, onde –acompañada polo alcalde Paco Ferreira- tivo a oportunidade de comprobar in situ as numerosas eivas e deficiencias que presentan eses viarios, que se atopan nun estado de “total e lamentable abandono dende hai anos”.
Esa situación incluso está a provocar problemas de seguridade viaria tanto para condutores como peóns, tendo en conta a gran cantidade de defectos que presentan, tales como fochancas, acumulación de auga por falta de rede de pluviais ou carencia de limpeza nas beirrarúas. Neste último aspecto, incidiu en que “están en tan malas condicións que, en algúns puntos, é case imposible o paso dun carriño de bebé ou dunha cadeira de rodas”.
En concreto, a deputada socialista sinalou que estes problemas son habituais en estradas como a PO-331, entre Porriño e Gondomar, ou a PO-340, entre Gondomar e Tui. Porén, malia as numerosas demandas suscitadas dende o Concello e tamén pola veciñanza, a Xunta leva anos sen facer ningún tipo de investimento ou acondicionamento nos viarios.
Nesta liña, Leticia Gallego lembrou que a responsabilidade do arranxo destas eivas é única e exclusivamente da Xunta, que é a administración titular desas estradas. Con todo, lamentou que non atenda as demandas reiteradas do Concello e do seu alcalde, polo que levará esta necesidade ao Parlamento.
A maiores das eivas de mantemento, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lembrou que algunhas desas estradas presentan zonas de elevado tránsito. É o caso da PO-331, ao seu paso por Vincios, onde reclamou pasos elevados, redutores de velocidade ou unha rede semafórica que os peóns poidan accionar cando o precisen. Nesta liña, remarcou a presenza nas proximidades dun colexio público, o que fai que moitos nenos e nenas teñan que cruzar a vía por un paso de peóns todos os días, “incluso arriscando as súas vidas”.