Alerta de que a conexión en transporte público por estrada entre a comarca do Morrazo e os centros hospitalarios é “ineficiente”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, esixiulle hoxe á Xunta que fixe unha “data concreta” para poñer en marcha unha liña de bus directa entre a comarca do Morrazo e os hospitais do Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro. Gallego presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou as deficiencias dunha conexión que hoxe supón preto de dúas horas para cubrir un traxecto de 38 quilómetros, “máis do que tardan en chegar en bus a Santiago”.
Advertiu que as deficiencias neste servizo están a causar o abandono do transporte público en autobús polos usuarios e usuarias, “que escollen empregar vehículos particulares para chegar a tempo aos seus postos de traballo e para volver aos seus fogares”. Lembrou que a Xunta ten a obriga de potenciar o emprego prioritario do transporte público, facilitando a intermodalidade do servizo e a accesibilidade das persoas, ofrecendo unha alternativa sostible ao vehículos privados.
Reclamou “melloras no transporte público en autobús en nome dos veciños e veciñas do Morrazo, sinaladamente dende Cangas e Moaña. Esixiu a mellora dun transporte público que en Galicia “funciona mal”, con empresas que “seguen sen cumprir os horarios, non poñen reforzos en liñas saturadas e cada vez rexistran máis queixas por parte dos usuarios e usuarias”.