A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, urxiu hoxe a Portos de Galicia a reparar o pantalán do porto de A Pasaxe, en A Guarda, que ten provocado a interrupción da liña de ferri entre aquela localidade e Caminha. Gallego presentou unha proposta en Comisión parlamentaria para esixirlle á Xunta que exerza as súas competencias propias e tome cartas no asunto, pero que foi rexeitada polo PP que, dixo, “demostran unha vez máis que son o partido do NON”.
A responsable socialista resumiu que “a única solución é arranxar o antes posible o pantalán por parte de Portos de Galicia”, que ten competencia sobre a infraestrutura. Explicou que a avaría do peirao provocou que dende agosto non se puidera transitar no ferri en automóbil, limitando o servizo a pasaxeiros a pé e en bicicleta, pero foi suspendido na súa totalidade no mes de outubro pasado.
Esta situación prexudica gravemente entre outros aos concellos de Baiona, A Guarda, O Rosal e Oia, polo que os seus alcaldes están a reivindicar unha solución urxente a un problema que está a afectar sinaladamente ao turismo procedente de Portugal. A interrupción desta conexión corta a vía do Camiño Portugués da Costa, que se está a converter “nun auténtico guirigai”, cos peregrinos confundidos pola ruta a seguir.
Salienta que a actuación da directora de Turismo, Nava Castro, “non ten precisamente axudado en nada” ao apoiar o pasado 16 de febreiro a certificación do que en Portugal veñen de denominar Camiño Portugués de Santiago – Camiño da Costa, e que non ten nada que ver coa ruta que transcorre por A Guarda e que o único que fai é “desinformar” aos peregrinos.
Gallego urxe a reparar este paso do Camiño de Santiago, xa que “de seguir así moitos negocios de hostalería e comercio terán que pechar, xa que a súa economía non aguanta sen peregrinos que paren nos locais e sen veciños e veciñas portugueses que vaian mercar entre A Guarda e Caminha”.
A parlamentaria socialista reclamou hoxe “solucións a curto prazo” para resolver o problema do transporte de pasaxeiros, e trasladou ademais a demanda dos alcaldes dos concellos afectados, que reclaman unha xuntanza co conselleiro da Presidencia, responsable de Turismo, e que tome medidas en relación ás publicacións que difundan itinerarios non oficiais desta variante do Camiño.
Lamentou o veto do PP a esta proposta, intentando derivar a responsabilidade ao seo do Eixo Atlántico como escusa para rexeitar esta proposta socialista, fundamental para os sectores turístico, comercial ou hostaleiro da comarca.