Acusa ao PP de votar en contra de levar a conectividade dixital ao cen por cen da poboación galega
A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, esixiulle á Xunta “compromiso político e esforzo orzamentario” para estender a conexión dixital ao cen por cen da poboación galega e impulsar a conectividade 5G. Gallego cualificou de “incomprensible” que o PP votara hoxe no Parlamento en contra dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para estender a conexión dixital á totalidade da poboación galega.
Gallego reclamou “maior esforzo orzamentario, maior esforzo na execución deses orzamentos e un maior esforzo na cooperación entre administracións para darlle solución á conectividade a todas as cidades, vilas ou pobos que non teñen acceso a internet ou este é moi malo”. Reclamoulle á Xunta que “colabore, informe e xestione” cos concellos para estender a conectividade e acelerar o despregamento de redes e servizos 5G.
Advertiu que hoxe “os concellos non saben por que non teñen conectividade, ou os motivos polo que esta é de mala calidade”, e sinala que “dende a Amtega teñen que colaborar estreitamente cos concellos e mantelos informados plenamente nesta materia”. Advertiu que “queda moito por facer no eido da dixitalización de Galicia, sinaladamente no rural”, e lembrou a responsabilidade do goberno galego “para garantir a conectividade de todas as cidades, vilas ou pobos de Galicia”.
Reclamoulle á Xunta que responda do compromiso do goberno central á hora de estender a conectividade dixital en banda larga á totalidade da poboación. Sinalou que Galicia foi a Comunidade Autónoma que máis axudas recibiu en 2018 e 2019 nesta materia, percibindo 99 millóns de euros de axudas directas dende o ano 2018 ata 2022.
Gallego reclamoulle á Xunta que “se centre na transformación de pemes e empresas familiares, e sobre todo na transformación do comercio de proximidade”, apostando por que todos os polígonos de Galicia teñan como mínimo acceso á rede a 100 Mbps. Urxiu á Xunta a tomar a iniciativa para garantir un despregamento acelerado da rede 5G, e implementar unha estratexia da Industria 4.0 para a agricultura, a pesca e a industria que incremente a produtividade destes sectores.