A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de esixir “maior control democrático” no plan de investimentos incorporado ao Plan Estratéxico do Xacobeo 2021. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que denunciou “secretismo” do goberno galego na execución dos 105 millóns de euros aos que ascenden estes investimentos.
Advertiu de que estes investimentos millonarios previstos polo goberno galego derivaron nunha avalancha de peticións dos concellos polos que transcorre a Ruta Xacobea reclamando melloras no camiño ou a construción e reformas dos albergues públicos. É o caso das actuacións de accesibilidade nos albergues de Arca, no Pino, e de Luiso, entre Triacastela e Samos, pero tamén dos concellos de A Estrada, Forcarei, Vilaboa, Valga, Mos ou Ames, pedindo melloras no Camiño.
A parlamentaria socialista esixiu “rigor e seriedade” na execución destes investimentos, que incorporan o mantemento e embelecemento dos camiños e a súa contorna, a reforma e ampliación dos albergues ou a mellora da sinalización do Camiño de Santiago. Urxiu en resume un “exhaustivo seguimento sobre as actividades e os orzamentos do Xacobeo 2021”.
Apuntou á importancia fundamental de ter a punto as infraestruturas do Camiño, por canto constitúe unha das grandes esperanzas para a reactivación do sector turístico de Galicia, preocupado pola “incertidume de non saber cando empezarán a chegar as persoas que veñan visitar Galicia” logo dun ano “moi complicado e con actividade nula nalgúns períodos”.
Vigo
En resposta á intervención do conselleiro de Presidencia, explicou que o Camiño non está sinalizado en Vigo porque a Xunta quixo impoñer as sinais sen contar coa autorización do Concello. Advertiu que “non cre na autonomía municipal” e engadiu que “coa súa prepotencia e manía contra Vigo, lles leva a cometer erros graves, como instalar unha pancarta no albergue de peregrinos do casco vello, onde non están permitidas por unha ordenanza municipal”.