Reclámalle á Xunta “unha solución urxente” e advirte de que a situación está creando “malestar e queixas” e ofrecendo unha imaxe negativa para o turismo, para o ano Xacobeo e para Galicia
A voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de reclamar á Xunta de Galicia “unha solución inmediata de aloxamento” ás dificultades coas que se están a atopar moitos peregrinos para pernoctar pola redución de aforos nos albergues do Camiño de Santiago”. Fíxoo, hoxe, no Parlamento de Galicia a través da presentación dunha batería de iniciativas.
A deputada Leticia Gallego alerta de que están chegando miles de persoas á nosa terra e estanse atopando con “serios problemas” para atopar praza nos albergues. “Moitos”, advirte, “incluso piden durmir no chan ante a desesperación”.
Gallego lembra que esta situación vén derivada das medidas sanitarias para tratar de controlar o avance da quinta vaga do coronavirus, que obrigan a reducir o aforo nos albergues de peregrinos. Neste contexto, “durante toda a semana pasada moitos albergues colgaron o cartel de completo”. Nalgunhas vilas incluso tiveron que coordinarse entre todos os para tratar de dar acubillo a todos os peregrinos e peregrinas que solicitaban praza para pasar a noite.
Neste intre, os aforos dos albergues dependen do nivel de restricións de cada concello. Así, nas localidades onde están ao 50 % do aforo é “moi complicado” atopar unha praza nun albergue, incluso os que están ao 30 % do aforo tampouco teñen prazas vacantes. A maiores, incide a deputada socialista, “os peregrinos atópanse con que non poden reservar praza nos albergues públicos, como mandato institucional”.
Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista demándalle á Xunta “unha solución urxente” a eses centos de peregrinas e peregrinos que están facendo o Camiño de Santiago e se encontran co problema de non ter onde pasar a noite. Esta circunstancia, ademais, está creando “malestar e queixas por parte destes turistas” e está ofrecendo unha imaxe “que non é boa nin para o turismo, nin para o ano Xacobeo, nin para Galicia”.
Leticia Gallego denuncia que considera que o Goberno autonómico debería que ter algunha alternativa ante esta situación, que “era bastante previsible estando nunha pandemia”. Ante esta problemática na que nos atopamos non existe ningunha alternativa para todos os turistas que están facendo o Camiño de Santiago e non teñen onde pasar a noite.