Acusa a Turismo de rebaixar os baremos para tratar de excluír a Vigo das axudas do Plan de sustentabilidade turística entregados polo Estado e xestionados pola Xunta
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou hoxe a “opacidade e escurantismo total” na distribución dos fondos do Plan de sustentabilidade turística, entregados polo Goberno central pero xestionados pola Xunta, para impoñer “criterios exclusivamente políticos”. Gallego presentou unha pregunta en Comisión parlamentaria sobre as “manobras” da Xunta para intentar excluír ao Concello de Vigo destas achegas.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de impoñer criterios políticos para deixar de novo á cidade sen estes fondos, procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, como xa fixeran no ano 2021, no que Vigo obtivera “cero euros dos 29,38 millóns que recibiu Galicia do Estado. Desta volta, dixo, rebaixaron deliberadamente as puntuacións da cidade para forzar que non acadara a puntuación mínima e quedara sen axudas.
Explicou que o goberno galego só lle asignou a Vigo 57 puntos, moi por debaixo do mínimo de 70 esixido, que foi salvado grazas a que tanto a Secretaría de Estado de Turismo como a Fegamp lle outorgaran 85 puntos cada unha, situando a media nos 73,8 puntos. Subliña que a cidade puido optar á convocatoria de fondos europeos “grazas ás puntuacións obxectivas da secretaría de Estado e do ente municipal”.
Finalmente o Concellos recibirá 2 millóns de euros, malia que solicitara 11 para o Plan para a rehabilitación sustentable dun Centro Multifuncional de Turismo Gastronómico e a súa reconversión como foco da actividade social e pública. A cidade tamén presentara a reforma dos edificios da Praza da Igrexa, o miradoiro e ascensor panorámico, a humanización completa do Paseo de Granada e diversas accións complementarias para o sector hostaleiro.
Criticou o “menosprezo” da Xunta cara o sector turístico de Vigo, demostrando “un episodio de política perversa da Xunta de Galicia contra a cidade empregando fondos do Goberno de España”, neste caso concreto “sen ter en conta a calidade dos proxectos turísticos, e moito menos o impacto económico e da xeración de emprego”.