A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de denunciar a pasividade da Xunta fronte á crise dos microchips, que afecta sinaladamente ao sector da automoción de Vigo. Gallego presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle que actúe con urxencia e exerza as competencias propias para aprobar un Plan Global para a Automoción que minimice o impacto negativo do desabastecemento de semicondutores.
A parlamentaria socialista puxo a situación da planta de Stellantis afincada en Vigo como exemplo da repercusión da crise dos semicondutores. Aquela empresa ten 24 provedores de primeiro nivel afectados polo desabastecemento que afecta a un mínimo de 11 compoñentes críticos, e derivou na suspensión de case 300 quendas de traballo no que vai de ano, co que “Balaídos deixou de fabricar 110.000 vehículos pola falla de microchips”.
A responsable socialista reclamoulle á Xunta que “deixe de facerse fotos e de culpar aos demais mentres están desaparecidos” para exercer das competencias propias en materia de emprego, formación e industria e “comezar a poñer solucións enriba da mesa”. Apuntou á urxencia de e consensuar un plan de acción xunto cos axentes sociais, empresas do sector e sindicatos baseado na formación e na busca de novos proxectos industriais.
Explicou en primeiro lugar que a formación constitúe “un mecanismo que debe servir para mellorar a competitividade dos traballadores”. Por outra banda, sinalou que a Xunta “debe liderar a busca activa de oportunidades para a relocalización destes novos investimentos que se están a discutir na UE e que contarán con fondos de recuperación”, porque “Galicia non se pode permitir o luxo de perder capacidade de produción”.
Gallego apuntou a importancia de recuperar as actividades que no seu día foron deslocalizadas, xa que do contrario “provocaría unha importante perda de emprego” logo de anos de desleixo do goberno galego, que leva anos “vendo como pasaban por diante das nosas portas investimentos millonarios que remataron no país veciño”, en boa medida pola “falla dunha política industrial clara e robusta no Executivo autonómico”.
Esixiulle ao goberno galego que “colaboren, porque estamos nunha das maiores crises económicas dos últimos tempos, e temos que contar con tódalas administracións unidas para sacar este país adiante”. Reclamoulle á Xunta que siga os pasos da Zona Franca de Vigo, que conta con proxectos susceptibles dos Fondos Next Generation EU centrados no hidróxeno, circuítos fotónicos e fábrica de baterías, ademais de participar no primeiro PERTE sobre o vehículo conectado.